InicioEconomíaAlcoa reducirá un 5% a produción de aluminio en San Cibrao "como...

Alcoa reducirá un 5% a produción de aluminio en San Cibrao “como mínimo” ata final de ano

A multinacional xustifica a medida na baixada dos pedidos de placa, aínda que asegura que o recorte non suporá despedimentos

Publicada o

- Advertisement -

A dirección de Alcoa comunicou ao comité de empresa de San Cibrao que a planta de aluminio primario, a única existente en España, reducirá un 5% a súa produción no que resta de ano.

A multinacional baixará a intensidade das series de electrolise de 169.000 a 160.000 amperios, segundo expuxeron os representantes dos traballadores a través dun comunicado. Ao producirse a partir do segundo semestre do ano, esta redución suporá algo menos do 2,5% no cómputo global do exercicio.

En principio, o proceso de baixada da intensidade durará un mes e, segundo explica o comité, “o tempo no que se estará nesta situación está por definir“, aínda que a empresa explicou que “como mínimo” prevé manter este nivel de produción “ata final de ano“.

Segundo indican os sindicatos, Alcoa asegurou que a baixada de produción “non afectará aos postos de traballo“.

AFECTARÁ AO LINGOTE T, MENOS LUCRATIVO

O obxectivo da baixada da produción é equilibrar as contas ante a baixada dos pedidos de placa por parte dos clientes. Actualmente, aluminio produce tres formatos: o mencionado, tochos, e lingote T.

Este último é o máis barato no mercado e o que ofrece unha menor rentabilidade á compañía, polo que se reducirá a súa fabricación. Deste xeito, ante unha caída de demanda, Alcoa opta por fabricar menor cantidade do que menos beneficio lle dá.

O axuste tamén ten como función deixar de importar ánodos a un prezo superior aos producidos no departamento de electrodos, “co que tamén se aforraría o sobrecuste dos mesmos”.

Segundo cifras da multinacional, aluminio perde en San Cibrao arredor de nove millóns de euros ao mes, polo que Alcoa buscaría así centrarse na produción máis lucrativa.

“NON PASARÍA” SEN O ESTATUTO DAS ELECTROINTENSIVAS

O comité de empresa contextualiza o anuncio deste recorte nunha situación de inestabilidade da produción de aluminio, que Alcoa ve “en risco” sen un estatuto dos consumidores electrointensivos que abarate o prezo da luz para situalo en valores similares aos de países como Alemaña ou Francia.

“É un aviso máis de que urxe rebaixar o prezo da electricidade”, asegura o presidente do comité de empresa, Xosé Paleo (CIG), que -malia que a dirección “non mencionou o tema da luz”- considera que “noutras circunstancias, cun marco da enerxía competitivo e estable”, unha baixada na demanda de placa “non repercutiría na redución da intensidade e da produción”.

O sindicalista lamenta que sen a toma de posesión dun novo Goberno central “non hai interlocutor” a quen reclamarlle esta medida. “O tempo non xoga ao noso favor e tememos afogar na beira”, indica.

PREOCUPACIÓN

Paleo lembra que desde 2014, ano no que Alcoa comezou a urxir ao Executivo a rebaixar o prezo da electricidade, houbo “medidas máis drásticas” como a “paralización de cubas“. Pero desta volta, o recorte “preocupa” porque nos últimos anos “aumentarase pouco a pouco a intensidade” e, sobre todo, pola ameaza da multinacional.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...