IniciosociedadeO tren da Mariña péchalle as portas á mocidade (e ao verán)

O tren da Mariña péchalle as portas á mocidade (e ao verán)

Tras deixar o tranvía en Burela a varios rapaces o pasado sábado, sucédense as críticas a Renfe por malgastar unha época de "divulgación" dun servizo que precisa recuperar a credibilidade

Publicada o

- Advertisement -

Ocorreu o pasado sábado na estación de Burela, onde arredor dunha vintena de rapaces se dispuña a coller o tren para acudir a dúas das vilas da Mariña Lucense de máis  efervescencia nocturna durante o verán, Foz e Ribadeo -que celebraba o encontro Indiano-. Como recolleu El Progreso nun vídeo, a unidade do Feve, na que non collían máis pasaxeiros, mantivo pechadas as portas ata que seguiu o percorrido, para estupor da mocidade.

Os usuarios do ferrocarril na Mariña Lucense están acostumados ás incidencias dadas as deficiencias do servizo, pero a última delas resultou simbólica.

INCIDENCIA SIMBÓLICA

En primeiro lugar, porque moitos dos rapaces que ían coller o tren e que quedaron sen máis alternativa que a estrada -Renfe está obrigada a habilitar servizos alternativos de darse supresións, pero non así cando os tranvías completan a súa capacidade– estaban en idade de quitar o carné de conducir. O que debera ser unha alternativa de transporte, o coche, convértese na única saída ante a falta de fiabilidade do servizo.

Por outra banda, porque non hai época como o verán, cando A Mariña Lucense multiplica a súa poboación, para afianzar un servizo que precisa de recuperar a súa credibilidade, cuestionada por anos de retrasos e supresións.

A UNIDADE DE MENOR CAPACIDADE, EN PLENO XULLO

O tren que chegou a Burela, unha unidade 2908, ten unha capacidade aproximada de 30 persoas sentadas e unhas dez de pé, polo que nin de lonxe podía albergar á rapazada que agardaba na estación burelá. Trátase dun dos trens de menor aforo cos que conta a liña de ferrocarril Ferrol-Ribadeo, que dispón doutros tranvías capaces de acoller a 80 pasaxeiros.

Motivos de seguridade” son os que alega Renfe para xustificar que o tren non abrise as súas portas. “O tranvía efectuou a parada regulamentaria, e dado que non se apeou ningún viaxeiro no traxecto, non se deron portas porque a xente non cabía. Parouse, pero non se admitiron máis usuarios”, explican fontes da operadora, que non precisan por que non se utilizou unha unidade maior.

SEN REFORZOS PARA O RESU

Non é inhabitual. Para o pasado Resurrection Fest, que congregou a 100.000 persoas en Viveiro, utilizáronse esas mesmas unidades, o que provocou que -neste caso si- se habilitasen autobuses alternativos para acudir ao festival. En calquera caso, Renfe confirma que non se dispuxo un reforzo dos servizos nunha das citas musicais máis multitudinarias do norte de España. Tampouco xustifica os motivos.

Segundo precisan desde a Plataforma pola Defensa do Ferrocarril Ferrol-Ribadeo, durante o pasado Festival do Mundo Celta de Ortigueira de Ortigueira, malia comprometerse un reforzo dos servizos, tamén houbo retrasos e supresións. “Non se realizaron o 30% dos traxectos prometidos”, lamentan.

“QUEREN PECHAR O SERVIZO”

O colectivo sostén que detrás de incidencias como a de Burela hai “unha intencionalidade” de pechar o servizo. “Haille que dicir a unha empresa de transporte, que terá os seus estudos de mobilidade, que A Mariña gaña moitísima poboación no verán?”, preguntan desde a plataforma, agregando que “estanse a utilizar as unidades máis pequenas cando están dispoñibles as meirandes”.

Desde o colectivo aseguran que o verán é un período “esencial de divulgación do servizo”, dado que “moitas persoas que habitualmente non o utilizan sóbense ao tren”. Así, fan fincapé na necesidade de “fidelizar” aos clientes “da única maneira posible, con eficiencia e solvencia”.

Deste xeito, desde o colectivo instan ao Ministerio de Fomento a “asumir a súa responsabilidade” e ofrecer un servizo de calidade, e piden á Xunta de Galicia que “de non darse esta situación, reclame a transferencia de competencias para facelo, como ocorreu co Euskotren ou en Cataluña“. Así mesmo, reclaman unha unidade que “non se está a dar na Mariña Lucense” e que si serviu en Ortegal para acadar un tren de proximidade.

LLANO: “HAI UN PROBLEMA GORDO”

Este xoves, o alcalde de Burela e presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense, o socialista Alfredo Llano, pediu que se volva reunir a comisión da que forman parte os municipios da Mariña Lucense, de Ortegal e Ferrolterra ante “a evidencia de que hai un problema gordo“.

“A imaxe que se deu o outro día deixa moito que desexar”, lametou o rexedor, que asegurou que “na zona de Ortigueira houbo xente que foi sentada no chan“. Llano non comprende o recorte no servizo “en momentos de tanta xente”, dado que en anos anteriores, nas noites de xullo e agosto “chegaban unidades con catro vagóns” para mover á mocidade.

NO 2018 HOUBO 738 CANCELACIÓNS EN CINCO MESES

No pasado verán denunciáronse retrasos de máis dunha hora que estragaron rutas de seindeirismo planificadas ata As Catedrais, e tras unha petición de En Marea o Ministerio de Fomento fixo públicos uns datos que son elocuentes: houbo 738 supresións entre xuño e setembro.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...