(AMPLIACIÓN) O comité de Cervo pide a Alcoa que os eventuais cubran as prexubilacións solicitadas

Trala venta de Avilés e A Coruña a Parter, os sindicatos instan á multinacional a que siga co plan de baixas incentivadas previsto no ERE, ao que se acolleron 31 obreiros de San Cibrao

Instalacións de Alcoa en San Cibrao. EFE/Eliseo Trigo

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao solicitou por escrito á dirección da multinacional que continúe co plan de prexubilacións para os traballadores que solicitaron acollerse por escrito a esta posibilidade durante o proceso de compraventa das fábricas de Avilés e A Coruña, que culminou coa venta das factorías ao fondo suízo Parter. Os sindicatos piden que sexan empregados de Empresas de Traballo Temporal (ETTs) e mantedores de auxiliares quenes cubran as vacantes.

Un total de 31 obreiros do complexo industrial de Cervo solicitaron, no prazo que rematou o pasado 15 de abril, acollerse ao plan de baixas incentivadas. A reubicación dun máximo de 106 traballadores das fábricas da Grela e San Balandrán en San Cibrao foi un dos puntos do acordo entre Alcoa e os sindicatos de Avilés e A Coruña.

RESPALDADAS EN REFERENDO

Malia o malestar que xerou este pacto en San Cibrao, ao asinarse sen consultar aos sindicatos da planta cervense, finalmente os obreiros decidiron en referendo respaldar as recolocacións na fábrica, a condición de que se garantisen os contratos de relevo de 41 traballadores.

O comité de empresa da fábrica cervense solicita a Alcoa que a cobertura das vacantes xeradas polas baixas incentivas pasen a ser ocupadas, cun contrato indefinido
na orde establecida para estes contratos, polos traballadores que teñen superada como aptos a avaliación dos sete meses.

“Se ben é certo que os eventuais que teñen superada esta proba teñen un contrato indefinido garantido a raíz dun acordo, tamén o é que van ter que esperar a que se dean as vacantes oportunas, ben por contrato de relevo ou outros motivos”, expoñen os sindicatos. Así, piden que se continúe co proceso coa aprobación das prexubilacións e a formalización dos novos contratos.

“COMPENSAR A SOLIDARIDADE”

Os representantes dos traballadores salientan que Alcoa “incluíu sen contar co comité de empresa” á fábrica de San Cibrao no ERE que afectou a Avilés e A Coruña, e entenden que a multinacional debe “compensar” a “solidaridade amosada por todos os traballadores de San Cibrao, incluíndo ETTs e obreiros de auxiliares, no proceso”.

O ALCALDE URXE AO GOBERNO A ABARATAR A LUZ

O alcalde de Cervo, o popular Alfonso Villares, urxiu ao Goberno central a que “poña un prezo competitivo” á enerxía para evitar o peche da planta de Alcoa de San Cibrao.

A multinacional norteamericana ameazou co peche da fábrica a finais do pasado mes de maio, cando asegurou que ve “inviable” a produción de aluminio primario -a fábrica cervense é a única deste sector en España- sen electricidade máis barata.

Alcoa iniciou un proceso de redución da produción de aluminino na fábrica cervense dun 5%, que prevé manter ata final de ano.

Villares reitera que “na Mariña Lucense non hai outra alternativa que poida substituír nin minimamente o que supón Alcoa neste momento”. O rexedor asegura que “necesitamos única e exclusivamente un prezo da luz e neste caso é decisión do Goberno. Xa vai moito tempo que se está dilatando esta decisión e, por tanto, son moitos meses nos que estamos nun serio perigo“, conclúe.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here