(AVANCE) Alcoa parará 32 cubas en San Cibrao e reducirá a produción de aluminio un 11%

A multinacional insiste no custo da enerxía para argumentar un novo recorte, dun 6,25% da carga de traballo, que se engade ao do 5% iniciado a principios do mes de xullo

Planta de alúmina de Alcoa en San Cibrao. AXM

O comité de empresa de Alcoa en San Cibrao anunciou a través dun comunicado que a multinacional norteamericana parará un grupo de 32 cubas dos 16 que ten o departamento de electrolise da planta de aluminio primario.

Isto suporía reducir a produción nun 6,25%, un recorte que hai que engadir ao emprendido a principios deste mes de xullo, cando a compañía iniciou, en principio ata final de ano, unha baixada do 5% na factoría de aluminio. Así, a rebaixa da intensidade alcanzará o 11,25%.

SEN DESPEDIMENTOS

Segundo expuxo o comité, Alcoa xustifica esta medida nunha tentativa “para intentar reducir as perdas motivadas polos elevados custos da enerxía eléctrica“. A dirección, expoñen os sindicatos, “comunicou que non ía tomar ningunha medida adicional“, o que significa que polo momento non haberá despedimentos.

Alcoa insiste en que o custo da enerxía supón “o 41%” dos totais de produción da tonelada de aluminio, “un 50%” máis caros que os competidores europeos. Desde o pasado ano, a multinacional instou ao Executivo central a aprobar un estatuto do consumidor electrointensivo que abarate a tarifa eléctrica, unha medida sen a cal ve “inviable” a planta de aluminio sancibrense.

O COMITÉ VALORA MEDIDAS DE PROTESTA

O comité de empresa entende que a situación “é moi preocupante” e manifesta que “pode agravarse” de non aprobarse en breve o estatuto para a industria electrointensiva. Así, indica que se reunirá en breve para “valorar as medidas reivindicativas que se deban tomar”.

O OBREIRO, CO “40% DO CORPO” QUEIMADO, ESTABLE

Segundo expuxeron os sindicatos, o prognóstico do traballador da auxiliar Reymogasa que foi trasladado o pasado luns á unidade de queimados do hospital da Coruña “é grave pero estable”.

En principio, presenta queimaduras “un 40%” do seu corpo, ademais de ter varias costelas e a clavícula rotas. O comité indica que tanto os seus delegados de prevención, así como os de Reymogasa e o departamento de seguridade, investigan as causas do accidente.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here