Medra a preocupación dos sindicatos de Alcoa San Cibrao, que cren que a planta se “achega ao abismo”

O comité de empresa volveu advertir da gravidade da situación despois de que a multinacional non aceptase este mércores a petición de suspender a parada de cubas en marcha

Traballadores de Alcoa San Cibrao, nunha protesta. AXM

EFE. O presidente do comité de empresa de Alcoa en San Cibrao, Xosé Paleo, lamentou que a decisión da dirección da multinacional de continuar coa política de redución de produción achega a planta cervense “ao abismo”.

Tras “analizar en frío” a reunión mantida este mércores entre o comité de empresa e o presidente de Alcoa España, Álvaro Dorado, os sindicatos sacaron “conclusións preocupantes e negativas”.

“Estamos nun camiño que non queriamos empezar, pois imos na mesma dirección que as plantas da Coruña e Avilés“, advertiu Paleo.

“Polo menos aseguráronnos que non tocarían o emprego, esa é a única boa noticia”, sinalou.

Paleo recordou que “xa fai un mes baixaron a intensidade das cubas de 167.000 a 160.000 amperios”, e que agora, coa “parada anunciada de 32 cubas” durante estas semanas, a planta de San Cibrao “achégase cada vez máis ao abismo”.

Polo momento, segundo confirmou o propio Paleo, “só se parou unha das cubas enfermas” este luns.

O COMITÉ PIDE “IMPLICACIÓN DAS INSTITUCIÓNS”

O presidente do comité tamén lamentou a “incapacidade do Goberno en funcións de sacar adiante o estatuto das electrointensivas” e a “incapacidade dos partidos para formar un Goberno estable”.

Así mesmo, Paleo informou de que se pedirá a “implicación das institucións, a autonómica tamén” para poder solucionar a situación actual da factoría.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here