O PP presionará con mocións ao Goberno para que aprobe o estatuto das electrointensivas

Cargos da formación indicaron este martes diante da factoría de Alcoa en San Cibrao que emprenderán unha "fronte conxunta" para "evitar despedimentos"

Cargos do Partido Popular ante a factoría de Alcoa en San Cibrao este martes. AXM

O Partido Popular (PP) presentará mocións para urxir ao Goberno español a aprobar de forma inmediata o estatuto do consumidor electrointensivo.

Cargos da formación conservadora reuníronse este martes diante da factoría de Alcoa en San Cibrao para anunciar que levarán a iniciativa aos plenos de concellos, Deputación de Lugo, Parlamento galego e Congreso español.

A presidenta provincial, Elena Candia, indicou que a moción se presentará para o debate na vindeira sesión plenaria da Deputación, no mes de setembro.

Os populares postúlanse para liderar unha “fronte conxunta” que evite que se produzan despedimentos na factoría cervense, acusando ao Goberno en funcións de “desleixo” ante a decisión da multinacional de parar 32 das 512 cubas do departamento de electrolise.

PIDEN QUE SE FIXE UNHA DATA

Entenden “que é imprescindible concretar unha data para a aprobación do estatuto, porque sen un marco normativo e un prezo estable non hai futuro nin para Alcoa nin para o resto de empresas grandes consumidoras”.

Neste senso, critican que o Executivo de Pedro Sánchezincumprise os seus propios compromisos e prazos” e indican que “non ten escusas”. “Aínda que está en funcións, podería darlle viabilidade o documento a través dun Real Decreto que, posteriormente, ratificaría o Consello de Ministros“, argumentan.

Os cargos do PP reunidos en San Cibrao tamén censuraron “que dirixentes socialistas como o actual secretario xeral acudise recentemente á Mariña Lucense “e non dixese nada ao respecto”, o que demostra “claramente” que “en Galicia e en Madrid están na mesma sintonía, que é a de non axudar a Alcoa”.

PENDENTE UNHA REUNIÓN DE FEIJÓO COS OBREIROS

Despois de que, a semana pasada, o comité de empresa da factoría reclamase unha reunión co presidente da Xunta, os populares indicaron que “os sucesivos Gobernos do PP sempre intentaron buscar a mellor solución posible en apoio á industria electrointensiva, levando a cabo negociacións ao máis alto nivel”.

Tamén insistiron en que “a nivel local demandaron unha solución que garanta a viabilidade económica, empresarial, industrial e laboral da planta mariñá”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here