Mar reclama máis cota de bonito tralo peche da pesquería na madrugada deste martes

A conselleira de Mar insiste na "boa situación biolóxica" da especie e cre que a costeira pode alongarse "como mínimo, ata setembro"

Bonito na lonxa de Burela. EFE

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, demandou este martes un incremento da cota do bonito, logo de que o Goberno central pechase a pesquería novamente no mes de agosto, porque se trata dun recurso que se atopa en boa situación biolóxica”.

Así o manifestou na súa visita ao porto de Vilaxoán, en Vilagarcía de Arousa, onde Quintana referiuse á pechadura da campaña do bonito decretado polo Ministerio de Pesca para as 00.00 horas deste martes 27.

“O que a Xunta pretende é que haxa un incremento de cotas”, indicou. “É un recurso que nestes momentos atópase en boa situación biolóxica“, sostivo, para demandar “un incremento nas posibilidades de pesca” para a flota galega e “un mellor reparto” para que a costeira se prolongue “como mínimo, ata setembro”.

Quintana sinalou que non é a primeira vez que se adianta a finalización da campaña. “Xa en 2018 se decretou, por primeira vez na historia, o adianto da costera do bonito antes que finalizase o mes de agosto”, lembrou. Nos anos anteriores, a campaña soía comezar no mes de xuño para prolongarse ata outubro e, excepcionalmente, mesmo ata novembro.

A frota de Burela demandou un incremento do tope de capturas, insistindo na abundancia de bonito, e remarcou que esta pesquería afecta agora non só aos boniteiros, senón cada vez máis a barcos de cerco e artes menores que aproveitan a cercanía do peixe ao litoral para acadar bos volumes de negocio.

OS DATOS DEFINITIVOS, NOS PRÓXIMOS DÍAS

Para coñecer os datos definitivos de quilos de bonito alixados en Burela ao longo desta campaña haberá que agardar que os barcos que están en alta mar regresen e fagan as súas descargas, pois aínda que non poidan faenar desde a data estipulada teñen uns días de marxe para traer o peixe a porto.

No pasado exercicio, alixáronse en Burela 1.115.885 quilos, a un prezo medio de 4,19 euros, o que supuxo un volume de negocio de 4.676.832 euros.

Segundo os datos de Armadores de Burela S. A. (Absa), antes do 1 de agosto subastáronse 660 toneladas do túnido, a un prezo medio de 4,04 euros. Os últimos rexistros de Pesca de Galicia, provisionais, falan de 915.222 quilos alixados, a 3,95 euros de promedio, o que supón un volume de negocio superior aos 3,6 millóns de euros.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here