Campaña do bonito “positiva” pero “curta” en Burela, con 4,96 millóns de euros de volume de negocio

A lonxa burelá alixou 1,28 millóns de quilos do túnido, a un prezo medio de 3,88 euros

Bonito do norte na lonxa de Burela. PESCADOS CHILENO/FACEBOOK

A descarga deste luns foi a última na lonxa de Burela da costeira do bonito de 2019, unha campaña que os armadores cualifican de “positiva” pero “curta”, pois lamentan que a escaseza de cota asignada a España pola ICAAT (Comisión Internacional para a Conservación do Atún Atlántico) non permitise aumentar o volume de negocio, de 4,96 millóns.

Por cuarto ano consecutivo, a costeira pechou por consumo do Total Admisible de Capturas (TAC). Se nos dous primeiros anos desta serie a campaña rematou en outubro, tanto na anualidade de 2018 como na de 2019 a frota rematou a cota en agosto; o pasado exercicio, o día 23, e este ano o 27.

“Gustaríanos que houbese costeira ata o mes de outubro”, sinala Miguel Neira, xerente de Armadores de Burela, S. A. (Absa), pois “en anos anteriores os dous últimos meses da costeira foran moi interesantes desde o punto de vista económico e este ano non imos ter oferta de produto”.

No tocante aos números, malia ser unha costeira que se pechou novamente de xeito abrupto, Neira fai un balance positivo. “Para tres meses de campaña son bos. Subastamos 1.277.000 quilos, o que supón un 14,6% máis que na pasada campaña“, precisa, para agregar que “as tres campañas anteriores foron, para nós, malas”.

No tocante ao prezo medio, a campaña pechou en 3,88 euros, o que supón un total de ingresos de 4.961.000 euros, un volume de negocio superior nun 6% ao do pasado exercicio. “A redución do custo de promedio débese á alta concentración de oferta do produto nos meses de xullo de agosto”, explica Neira.

LONXE DAS EXPECTATIVAS DOUTRAS ÉPOCAS

Con todo, remarca, o volume de negocio agardado por Absa está en torno a “1.600 toneladas” e “seis millóns de euros de volume de negocio”, polo que “polo momento estamos lonxe desas cifras”.

51 BARCOS FORÁNEOS VENDERON EN BURELA

Un total de 55 barcos venderon o seu bonito na lonxa de Burela, o que significa que o peirao burelao segue a ser unha referencia a nivel do Cantábrico -e líder no tocante a Galicia– na venta do túnido. Buques de Asturias, Galicia, País Vasco e Cantabria comercializaron o seu produto.

A ruta migratoria do bonito foi similar á de anos anteriores, e axiña chegou ao Golfo de Biscaia, o que “favorece non só ás frotas de cebo vivo senón tamén aos portos asturianos, cántabros e vascos, que recollen estas capturas”, expón Neira, que con todo remarca que Burela aguantou a situación. “Valoran servizos e o traballo que fan os comercializadores, con experiencia”, salienta.

PARTICIPARON CATRO BUQUES LOCAIS, Á ESPERA DE COTA

A frota do bonito de Burela minguou nun terzo ao longo dos últimos anos, pasando de arredor de doce barcos a catro. Primeiro pola incidencia dos arrastreiros peláxicos franceses e irlandeses, que aproveitan os bancos de peixe localizados polos buques mariñaos para acadar capturas moi superiores. Tamén, especialmente desde 2016, pola escaseza de cota.

“É unha mágoa non ter máis cota, e este é o noso obxectivo claro“, subliña Neira, que espera que en novembro a ICAAT poda aumentar o marxe de manobra para os barcos españois que faenan bonito do norte. “Os últimos informes indican que a situación biolóxica da especie é boa, que hai abundancia do túnido, así que temos que pelexar todos por isto”, expón.

Neira considera que para os catro buques con base en Burela a campaña foi “positiva” pero dubida de que a frota poida aumentar de novo ata cifras similares ás anteriores. “Os armadores teñen o temor de que o peche da pesquería sexa de novo abrupta”, polo que conclúe que aumentar o número de barcos do peirao burelao que faene ao túnido dependerá “da cota que teñamos asignada”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here