Concentracións no Castelo desde o 13, as primeiras medidas de protesta dos obreiros de Alcoa San Cibrao

O comité proporá o acordado no pleno deste mércores na asemblea de traballadores do 12 de setembro e adianta que haberá máis actos reivindicativos que non desvela por agora

A industria electrointensiva reclamou medidas urxentes para regular o prezo da enerxía. AXM

O comité de empresa da planta de Alcoa en San Cibrao proporá o mércores 12 de setembro, na asemblea de traballadores convocada ante “a grave situación” da planta de aluminio, un calendario de mobilizacións que contempla o reparto cada venres de información á hora de entrada da xornada e concentracións a mediodía no cruzamento do Castelo, coincidindo coa saída do persoal. A primeira delas será o día 13, entre as 14.00 e a 14.30 horas.

Despois do pleno celebrado este mércores, os sindicatos avanzan que haberá máis actos reivindicativos, que por agora non desvelan. Na xuntanza, que comezará ás 11.30 horas, “tamén se informará do resto de medidas e mobilizacións acordadas na sesión plenaria, das que se irá dando coñecemento á opinión pública conforme vaia avanzando a situación”, expón o comité.

Os representantes dos traballadores convocaron aos delegados e comités das auxiliares para o vindeiro venres, ás 13.30 horas, para informalos da situación e pedir o seu apoio.

REDUCIÓN DA PRODUCIÓN

Os obreiros reiteran que a incerteza que planea sobre a planta de aluminio de San Cibrao, que dá emprego directo a máis de 600 persoas, son “consecuencia do elevado prezo da enerxía, motivado polo atraso na aprobación dun marco regulatorio que garanta unha tarifa eléctrica estable e competitiva na liña dos demais países do entorno europeo”.

Alcoa asegurou que a planta de aluminio primario, a única de España, é “inviable” sen un abaratamento da luz, e nos últimos meses acometeu unha redución da produción na planta de aluminio do 11%, coa suspensión de 32 das 512 cubas de electrolise.

VILLARES PIDE “UNHA DEMANDA COMÚN” SEN PARTIDISMOS

O pasado martes, o alcalde de Cervo, o popular Alfonso Villares, enviou unha carta aberta na que asegura que “estamos nun dos momentos máis importantes para a nosa comarca da Mariña Lucense“, e na que alertou das consecuencias dun posible peche do complexo industrial para a bisbarra.

“Non falamos só de 1.100 empregos directos e outros 700 indirectos”, indicou o rexedor, senón tamén de que a empresa “fai crecer a outros sectores empresariais, comerciais e de restauración”. Villares tamén subliñou “os ingresos” que supón o centro produtivo debido a impostos como “o IBI ou o IAE” e afirmou que “moitos centros educativos e sanitarios dos que hoxe desfrutamos non serían necesarios” de pechar a fábrica.

Así, o rexedor cervense apelou a facer “unha demanda común na que non haxa cores políticas” para instar ao Goberno central a que “garanta un prezo competitivo da enerxía”. Podes ler o artigo completo no pdf adxunto a continuación. ALCOA DEF (1)

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here