InicioEconomíaAlcoa estima que, malia o recorte produtivo, aluminio superará este ano os...

Alcoa estima que, malia o recorte produtivo, aluminio superará este ano os 45 millóns de perdas do 2018

O martes, obreiros e director da multinacional en España reuniranse nun contexto de temor a despedimentos e de inestabilidade política por mor dunhas novas eleccións xerais

Publicada o

- Advertisement -

A multinacional Alcoa prevé que as perdas xeradas pola fábrica de aluminio do complexo industrial de San Cibrao superen neste exercicio as rexistradas durante o 2018, que segundo precisou a compañía estadounidense alcanzaron os 45 millóns de euros. Isto malia o recorte da produción nun 11%, coa parada de 32 das 512 cubas de electrolise, que segundo fontes da empresa amortiguará “nunha pequena parte” os números vermellos da planta.

Segundo explicaron as mesmas fontes, malia que a fábrica de aluminio “tradicionalmente deu moitos beneficios”, perde actualmente “entre catro e cinco millóns mensuais” e este ano “estímase que supere” lixeiramente “as perdas de 45 millóns de euros do pasado exercicio”.

Con todo, a empresa non ofrece cifras sobre os resultados da planta de alúmina, que no pasado curso compensou o balance global do complexo industrial ata deixar números positivos. Os sindicatos cifraron os beneficios de alúmina en 2018 en 200 millóns de euros, o que Alcoa desminte; no pasado mes de marzo, a multinacional mantiña a previsión de que, a final de curso, o complexo industrial sancibrense seguirá a dar superávit.

A MULTINACIONAL “NON PREVÉ” MÁIS RECORTES

Nun contexto de temor a que a empresa execute despedimentos e mobilizacións dos traballadores a prol dun abaratamento da enerxía sen o que a multinacional ve “inviable” a produción de aluminio, pois a luz supón o 40% dos gastos de produción da planta, o comité de empresa reunirase o vindeiro martes co novo xefe da compañía a nivel estatal, Álvaro Dorado.

Preguntadas por esta xuntanza, as mesmas fontes aseguran que se trata dunha reunión “interna” e “habitual”, para asegurar que, no tocante á redución da produción efectuada, “non hai nada máis previsto” nas próximas datas.

Respecto dos compromisos que a ministra de Industria, Reyes Maroto, asumiu na xuntanza que mantivo o pasado luns co comité de empresa, Alcoa di “non ter constancia, nin oficial nin extraoficial” da creación dunha mesa de seguimento polo futuro da planta de aluminio primario, a única existente en España. A representante do Goberno central mostrou a súa intención de “sumar” á empresa ao organismo de negociación.

No tocante á aprobación das compensacións por emisións indirectas de dióxido de carbono (CO2), que o Goberno comprometeu aumentar a 180 millóns nese mesmo encontro cos traballadores, as mesmas fontes sinalan que “non se trata dunha ampliación, xa que había un orzamento do ano pasado que non se executou”, e precisa que as beneficiarias desas axudas serían “un total de 150 empresas electrointensivas” do Estado. A multinacional asegurou “non ter máis información” da exposta pola ministra.

OS OBREIROS SEGUIRÁN COAS PROTESTAS

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao emitiu este martes un comunicado no que explica que manterá o calendario de mobilizacións aprobado en asemblea ante o que considera “o momento máis perigoso da fábrica en 40 anos”. “O Goberno central non nos deu unha solución ao noso problema”, argumentan os sindicatos, polo que “decidimos continuar” coas protestas.

Así, o vindeiro venres, os traballadores volverán concentrarse no cruzamento do Castelo para cortar durante media hora -de 14.00 a 14.30 horas- a N-642, tal e como fixeron o pasado venres.

A AUSENCIA DE GOBERNO DIFICULTA A SITUACIÓN

Este martes, o Estado quedou abocado a novas eleccións xerais tras non presentar Felipe IV candidato á investidura. Unha nova situación de provisionalidade que fai temer aos traballadores polo emprego, ao non haber posibilidade -segundo o Executivo en funcións- de aprobar as medidas demandadas polas empresas para o abaratamento da luz, entre elas o estatuto das electrointensivas.

O PP PRESENTA MOCIÓNS NO SENADO E A DEPUTACIÓN

O Partido Popular (PP) anunciou que presentará mocións tanto no Senado como na Deputación de Lugo para que as institucións demanden ao Goberno que “execute medidas” para garantir a continuidade do emprego no centro produtivo, entre elas “un marco enerxético” que falicite a competitividade das electrointensivas e que se cumpran as promesas realizadas aos traballadores.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...