InicioEconomíaAcusan a Alcoa de "chantaxear" á Xunta ao pedir exceder os topes...

Acusan a Alcoa de “chantaxear” á Xunta ao pedir exceder os topes de contaminación a cambio do emprego

Adega sostén que a multinacional solicitou ao Goberno galego "unha excepción" nos límites de emisión de fluor e partículas sen a que pecharía a planta de aluminio

Publicada o

- Advertisement -

Nun contexto de incerteza polo complexo industrial de San Cibrao, que Alcoa ameaza con pechar sen un abaratamento do prezo da luz, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega) emitiu este mércores un comunicado no que acusa á multinacional de esixir á Xunta “poder seguir superando os límites de contaminación a cambio de manter os postos de traballo” na fábrica de aluminio primario de Cervo, que dá emprego a 580 persoas.

O colectivo ecoloxista fixose eco das peticións da empresa na solicitude para renovar a Autorización Ambiental Integrada (AAI). O prazo de alegacións, disposto durante o pasado mes de agosto, rematou e agárdase unha resolución sobre a petición.

Segundo Adega, Alcoa solicitou “unha excepción” á hora de cumprir os límites legais de emisións á atmosfera de fluor e partículas -ou hidrocarburos aromáticos policíclicos, HAP-, uns valores máximos que a multinacional “recoñece que supera en factores moi altos nalgúns procesos, como a fabricación de ánodos“.

Ademais, admite que “non efectúa controis de partículas nos procesos de fabricación de pasta para ánodos” nin “nas tarefas de almacenamento, manipulación e transporte de materias primas”.

A multinacional norteamericana xustifica este privilexio, que solicita “cando menos ata 2029“, en que “continuar como ata agora” implicaría “o peche da planta de fabricación de aluminio primario, o que suporía o despedimento de 580 persoas“.

A asociación ecoloxista lamenta que a multinacional “descarta” opcións “avaliadas” para rebaixar as emisións na fabricación de ánodos, como a instalación dun lavador en seco, ao consideralo “non economicamente rentable”. Tamén desbota deixar de fabricalos in situ, o que suporía “o despedimento de 35 traballadores“.

A cambio da excepcionalidade á hora de cumprir os valores permitidos, Alcoa comprométese a “rebaixar emisións noutros mediante a conversión da fundición a gas e a instalación de filtros nas células electrolíticas“.

VERTEDURAS AO MAR

No tocante ás verteduras verteduras ao medio acuático, a Xunta autorizou a Alcoa no 2017 a elevar os valores límite de emisión de flúor, que debera rebaixar a 10 miligramos/litro no 2020, coa intención de “executar o proxecto de peche e clausura do depósito de lamas vermellas con seguridade, ao permitir evacuar a auga superficial existente no depósito mineiro ata alcanzar os 250.000 metros cúbicos”.

O proxecto de evacuar o excedente de auga veuse truncado “polas intensas chuvias acontencidas no 2018″, polo que Alcoa pide manter os mesmos valores de flúor en 2020 -15 mg/l- que no 2019. A multinacional sitúa o volume de auga libre da balsa en 1.450.000 metros cúbicos.

Para compensar esta petición, Alcoa “propón reducir os actuais límites de vertido a través do emisario submariño para sólidos en suspensión, aluminio disolto, nitróxeno amoniacal, Demanda Química de Osíxeno (DQO) e Demanda Biolóxica de Osíxeno (DBO).

LAMAS VERMELLAS

Adega pregúntase “que pasará co depósito de lamas vermellas” ao non constar no expediente o proxecto de peche e clausura referido.

A asociación ecoloxista cualifica a balsa de “ameaza medioambiental de primeira orde” e “espada de Damocles” sobre A Mariña Lucense. O depósito, con 34 anos de vida, que ocupa unha superficie de 73 hectáreas, “está ocupado ata a cota 95” e segundo o Plano de Emerxencia exterior de 2015, “cando este cheo (cota 99) albergará 41,26 hectómetros cúbicos (Hm3) de lamas vermellas.

ADEGA PIDE Á XUNTA “QUE ANTEPOÑA A SAÚDE DE TODOS”

Deste xeito, Adega pide á Xunta que “antepoña a saúde ambiental e cidadá e non ceda ás pretensións de Alcoa de seguir superando os límites de contaminantes. Non se debera permitir ningunha excepción que supoña a rebaixa dos requisitos e dos controis ambientais mediante calquera aumento temporal dos Valores Límite de Emisión (VLE)”.

Resulta obsceno que unha empresa que recoñece ter contaminado máis do legalmente autorizado durante anos, pretenda utilizar agora os postos de traballo como excusa para non asumir as súas obrigas ambientais e solicitar medidas de graza á administración”, asegura Adega, que pide ao Executivo autonómico que requira a Alcoa “achegar máis recursos, construír novas instalacións ou sistemas máis eficientes de depuración”.

Os ecoloxistas instan ao Goberno galego a esixir da empresa “que os seguros de responsabilidade civil e medioambiental cubran todos os previsibles danos derivados do peor accidente posible, tomando como referenza os custos das recentes catástrofes industriais e mineiras”.

Adega tamén esixe controis e subministre información sobre os contaminantes xerados nos procesos de fabricación de pasta (almacenamento de alquitrán quente, mistura, enfriamento e formación), con referencia ás partículas e BaP (Benzo-a-Pireno), como indicador dos HAP, e nos de almacenamento, manipulación e transporte de materias primas.

Tamén indice en que a introdución da tecnoloxía do lavador seco “é unha obriga legal” no caso de que sexa a única que garanta a consecución dos límites de emisións no proceso de fabricación de ánodos.

MÁIS DE 3.700 XW/ANO DE LUZ, E 6 MILLÓNS DE M3 DE AUGA

O comunicado de Adega salienta “o enorme consumo de enerxía e insumos” de Alcoa. Así, fai referencia a que “no seu conxunto consome máis de 3.700 xigawatios/ano (XW/a) de electricidade“, e “por riba dos seis millóns de metros cúbicos de auga“.

No tocante ás emisións, o colectivo ecoloxista sinala que “uns 7,5 millóns de m3 de efluentes van parar ao mar“.

UN DOS COMPLEXOS “MÁIS CONTAMINANTES” DE GALICIA

No tocante aos compostos gaseosos liberados á atmosfera, o dióxido de carbono (CO2) sitúase en 1.098.000 toneladas; monóxido de carbono (CO), en 31.000 toneladas; os óxidos de azufre (SOx), en 3.740 toneladas; os óxidos de nitróxeno (NOx), en 165 toneladas; os fluoruros, en 114, e as partículas PM 10, en 177.

“Estamos ante un dos complexos químico-industriais máis contaminantes de Galicia e dos que maior pegada teñen sobre o clima polas emisións e polos enormes consumos de enerxía que demanda”, asegura Adega.

ALCOA NEGA QUE SOLICITASE EXCEPCIÓNS

Fontes de Alcoa aseguraron que a fábrica de San Cibrao “opera conforme á lexislación medioambiental aplicable tanto a nivel rexional, nacional como internacional, e en ningún momento pretendeu ou solicitou excepcións á marxe dos procedementos previstos na normativa en vigor”.

As mesmas fontes sosteñen que as plantas de aluminio e alúmina de San Cibrao “cumpren con toda a normativa medioambiental aplicable” e son xestionadas “mediante procedementos que cumpren cos sistemas de xestión medioambiental máis estrictos, como ISO 14.001:2015 ou a certificación internacional ASI (Aluminium Stewarship Initiative)”.

A multinacional argumenta que non antepón “en ningún momento o beneficio industrial a comprometer o benestar das nosas comunidades”, e afirma que as plantas do complexo industrial de Cervo “informan detalladamente”, e de xeito “rutinario”, aos órganos competentes sobre “os niveis de emisión, vertido e xeración dos seus aspectos medioambientais, cumprindo coas valores límites de emisión establecidos nas autorizacións ambientais integradas”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...