Unanimidade no Parlamento en reclamar “as medidas necesarias” para manter o emprego en Alcoa

A iniciativa do PP, a Cámara pide a "aprobación inmediata" do estatuto das electrointensivas

Planta de Alcoa en San Cibrao. AXM

O pleno do Parlamento de Galicia aprobou este mércores por unanimidade unha iniciativa do PPdeG para reclamar á Xunta de Galicia que inste o Goberno central a tomar “todas as medidas necesarias para manter os centros produtivos e postos de traballo” en Alcoa San Cibrao, así como a creación dun marco enerxético estable.

Esta proposición non de lei tamén pide a aprobación “inmediata” do estatuto do consumidor electrointensivo, así como a inclusión no mesmo das alegacións presentadas pola Xunta. O PSdeG-PSOE, o Grupo Común da Esquerda e o BNG presentaron emendas ao texto, aínda que todas elas foron rexeitadas polo deputado responsable de defender a iniciativa, o popular Daniel Veiga, quen sostivo que o documento orixinal xa inclúe “dous puntos de acordo” e votar ao seu favor supón votar a favor da comarca da Mariña Lucense e de Galicia”.

Neste sentido, o parlamentario do PPdeG tamén pediu ao Goberno central o desbloqueo dos 90 millóns de subvencións para compensación de custos indirectos por emisión de CO2, así como “o incremento prometido até os 200 millóns”, unha medida “que non se tomou porque o Goberno está en funcións, pero non funciona”.

PSdeG-PSOE

A deputada socialista Patricia Otero lembrou que o Goberno de Mariano Rajoy “tamén ten responsabilidade” na situación de Alcoa San Cibrao e reclamou que, ademais de apoiar as accións do Executivo central, a Xunta organice unha mesa xunto a Alcoa e o comité de empresa para esixir a reactivación das 32 cubas paradas.

GRUPO COMÚN DA ESQUERDA

Mentres tanto, a viceportavoz do Grupo Común da Esquerda tachou a iniciativa de “insuficiente” e acusou tanto a PP como a PSdeG-PSOE de acudir á factoría a “facerse a foto” para despois “non ofrecer ningunha solución”.

BNG

Pola súa banda, a deputada do BNG Noa Presas apuntou que “se tan preocupado está o PPdeG, puido esmerarse máis”, tendo en conta que “a proposta é calcada a outras xa aprobadas”, e chamou a, de cara ao futuro, “vincular calquera vantaxe para Alcoa ao mantemento dos postos de traballo“.

EN MAREA

O parlamentario de En Marea, Pancho Casal, tamén incidiu na cuestión das subvencións para a compensación de custos indirectos do CO2, afirmando que “a ver se é verdade que esta vez as van a pagar”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here