Caballero asegura o “compromiso” do Goberno de Sánchez co futuro de Alcoa na Mariña

O líder do PSdeG-PSOE di que o estatuto será "unha prioridade" para o novo Executivo e o PP cre que a concentración de Xove demostra que A Mariña "non creu" a Maroto

Caballero, nunha visita a Lugo. EFE/ELISEO TRIGO

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, asegurou este xoves en Lugo que o Goberno en funcións presidido por Pedro Sánchez “está plenamente comprometido” coa factoría de Alcoa en San Cibrao e os seus traballadores.

“O Goberno está plenamente comprometido coa empresa e cos traballadores para buscar todas as vías necesarias para permitir a actividade industrial e o traballo en Alcoa”, subliñou Caballero na capital lucense, onde este xoves mantivo un encontro co presidente da Deputación, José Tomé, e a rexedora da cidade, Lara Méndez.

Neste sentido, apela a “manter toda a atención necesaria” sobre unha situación na que o partido socialista comprende “a preocupación” dos traballadores da factoría e toda a comarca da Mariña Lucense.

“Entendemos a preocupación en momentos de cambios industriais no conxunto da economía internacional, pero desde logo queremos pór en valor que mentres o Partido Popular (PP) gobernaba en España xamais puxo a funcionar un estatuto para as empresas de consumo electrointensivo“, indicou.

O PP “NUNCA PUXO AXUDAS REAIS” PARA A INDUSTRIA PESADA

Ademais, acusou aos Executivos do PP de “non pór encima da mesa a importancia de dar axudas reais para ese tipo de empresas cun alto nivel de consumo”. Así as cousas, asegurou que o PSOE “vai levar ao máximo as axudas por emisións indirectas de CO2 a preto de 200 millóns de euros, subindo as previsións iniciais”, tal e como prometeu a ministra de Industria, Reyes Maroto, na súa visita ao complexo industrial de San Cibrao.

Así mesmo, o líder dos socialistas galegos reiterou o compromiso do seu partido con aprobar un estatuto para as empresas de consumo electrointensivo “como prioridade fundamental do novo Goberno”.

“Todos estaremos a traballar á beira do comité de empresa para defender o emprego en Alcoa, á beira de toda A Mariña porque Alcoa en San Cibrao é unha prioridade para Galicia, para a provincia de Lugo, e temos que traballar para conseguir manter esa actividade industrial tan importante”, aseverou Caballero.

CANDIA: “MAROTO DEIXOU MÁIS PREOCUPACIÓN”

A presidenta do PP provincial, Elena Candia, asegurou que a multitudinaria concentración celebrada en Xove na noite do mércores foi “un berro unitario” para reclamar ao Goberno central a adopción das medidas “políticas, que só o Executivo estatal pode tomar”, para “garantir o futuro de Alcoa San Cibrao”.

Para Candia, a protesta foi a “demostración indiscutible” de que a visita de Maroto á planta “non pasou de ser un paseo que deixou máis preocupación da que xa había”, pois foi “incapaz de dar a coñecer medidas concretas para asegurar o futuro de Alcoa. Sen dúbida, O PSOE tivo a oportunidade de comprobar moi claramente que A Mariña non creu á ministra de Industria”, concluíu.

Na mesma liña, a presidenta dos populares lucenses pregúntase se os alcaldes do PSOE na provincia, pero sinaladamente na comarca da Mariña, “van ser capaces de pedir o voto para Pedro Sánchez” se o seu Goberno non da os pasos esenciais para garantir o futuro de Alcoa. “Pedirán os votos despois do abandono en que o Goberno está a deixar A Mariña?”, preguntou.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here