Vestas celebrará esta fin de semana os seus vinte anos en Chavín

O venres e o sábado haberá actos polo vixésimo aniversario da fábrica de xeradores e paneis de control eólicos en Viveiro, na que traballan 150 obreiros

Fábrica de Vestas en Chavín. GOOGLE MAPS

O vindeiro venres, 18 de outubro, a fábrica de xeradores e paneis de control eólicos da multinacional danesa Vestas en Chavín (Viveiro) celebrará os seus 20 anos de actividade na Mariña Lucense.

A empresa preparou un acto de celebración (ás 10.30 horas) cunha visita á planta que contará coa presenza do Secretario General de Industria y PYME, Raül Blanco; o conselleiro de Economía, Francisco Conde; a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro; e o presidente da Deputación, José Tomé, entre outras autoridades, ademais do director da planta, José Miguel Soto. Finalmente, haberá a descuberta dunha placa conmemorativa.

Tralo acto conmemorativo do venres, o sábado 19 celebrarase outro evento para os empregados e as súas familias. Durante ese día terán lugar diferentes actividades lúdicas para toda a familia, sorteos e premios aos empregados en recoñecemento ás súas ideas para mellorar a seguridade na planta. A xornada finalizará cunha cea de confraternización.

NO SEU PICO, 300 EMPREGADOS

A fábrica de Chavín conta actualmente con 150 empregados, e chegou a alcanzar os 300 traballadores nos momentos de maior produción. Segundo explicou o director da planta nunha entrevista para a Cadena Cope, a maioría dos obreiros proceden “tanto de Viveiro como da comarca da Mariña Lucense e de Ortegal. Algúns deles comezaron aquí a súa vida laboral”, explicou.

Segundo precisou tamén Soto, en abril deste ano, o persoal de Vestas en Chavín asinou coa empresa un convenio laboral bianual despois de anos de acordos prorrogados.

Actualmente, produce, principalmente para exportación, xeradores 2 MW Optislim e Superslim, para a plataforma Vestas de 2 MW nas súas variantes de 50Hz e 60Hz; bobinas para o xerador SFIG da plataforma de 4 MW, así como paneis de control para a turbina máis grande do mercado, a V164 de MHI Vestas, cuxa nova versión (V174) alcanza os 10 MW de potencia.

Vestas ten actualmente dúas plantas en España; a outra é en Daimiel, en Cidade Real.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here