Alcoa non aclara se os axustes inclúen a Cervo, das “mellores” plantas do seu tempo “agás pola luz”

Nun contexto de incerteza sobre o complexo industrial de San Cibrao, a multinacional elude concretar que centros se verán afectados polo plan de recortes anunciado para cinco anos

Planta de aluminio de Alcoa. AXM

Fontes de Alcoa en España referíronse ao plan de axuste anunciado pola multinacional, que prevé a venta de activos -nun prazo de 12 ao 18 meses- e -nun período de cinco anos- o peche de plantas ou a redución da produción noutras factorías.

Segundo confirmaron as mesmas fontes, Alcoa explorará “unha revisión da carteira de operacións”, estudando vender activos “non estratéxicos” nun prazo de 12 a 18 meses, entre os que “non se atopan os tres negocios principais” da compañía estadounidense, “bauxita, alúmina e aluminio“.

“REVISIÓN” DA CAPACIDADE DE ALÚMINA E ALUMINIO

Máis a medio prazo, nun horizonte de cinco anos, Alcoa “revisará” a “capacidade de produción de alúmina e aluminio”, cunha serie de posibles medidas entre as que inclúe o peche de plantas, aínda que a directiva “non especifica por agora ningún centro concreto, cales se van ver afectadas”.

Alcoa comunicou as súas intencións despois de perder 199 millóns de euros no último trimestre -para un agregado de 721 no que vai de ano-, en parte polo “impacto” das ventas das plantas de Avilés e A Coruña ao fondo suízo Parter, unha transacción que supuxo segundo a multinacional unhas perdas de 121 millóns de euros.

CONTEXTO DE INCERTEZA

O anuncio chega nun momento de incerteza sobre a planta de aluminio primario de San Cibrao, que a propia multinacional puxo en cuestión ao longo dos últimos meses sen un abaratamento da enerxía eléctrica, “ata un 50% máis cara do que supón para empresas de países como Francia ou Alemaña“. A compañía estadounidense sinala que a factoría, que dá emprego directo a uns 570 traballadores, “é a industria máis hiperelectrointensiva de España; a luz supón o 40% do total de costes de produción”.

Así, lembra que en Francia ou Alemaña “teñen recursos para ter un prezo competitivo, aínda que a nivel xeral o custo da luz pode chegar a ser incluso máis alto do que é aquí, teñen medidas aprobadas pola Unión Europea para que esta industria hiperelectrointensiva poida desenvolverse”.

SAN CIBRAO, “DAS MÁIS EFICIENTES DA SÚA XERACIÓN”

“Falamos dunha fábrica que en eficiencia e competitividade está entre as mellores da súa xeración, á altura doutras europeas“, expoñen as mesmas fontes, que negan problemas de obsolescencia en San Cibrao malia a preocupación dos traballadores pola escaseza de investimentos ao longo dos últimos anos.

Neste sentido, destacan que só dúas plantas, a de Islandia -de 2007- e a de Arabia Saudita, de 2012, son “máis modernas” que o groso das fábricas de Alcoa, “da mesma xeración que San Cibrao e cunha tecnoloxía similar”.

“NON HAI PROBLEMAS DE OBSOLESCENCIA” NA FÁBRICA

Preguntadas sobre a situación de Avilés e A Coruña, que foron vendidas a Parter segundo a multinacional por “problemas estruturais“, as fontes de Alcoa cren que non hai comparación posible. “Nestas dúas plantas a tecnoloxía veuse superada, e cando houbo algunha situación de crise de mercado foron pechando porque eran máis pequenas en tamaño e tamén menos eficientes”, conclúen.

A multinacional insiste en que o prezo da enerxía é o talón de Aquiles de San Cibrao, “pois anula todas as súas vantaxes“.

“SEN NOVAS” DO GOBERNO

Alcoa asegura que por agora non recibiu novas do Goberno central respecto do aumento a 180 millóns das compensacións por emisións indirectas de dióxido de carbono (CO2), nin tampouco da convocatoria da poxa de interrompibilidade para o primeiro semestre de 2020, dúas medidas anunciadas pola ministra de Industria, Reyes Maroto, na súa visita a San Cibrao.

Preguntadas por se a empresa foi convidada á mesa de negociación polo futuro da planta que o Executivo central se comprometeu a crear, as mesmas fontes aseguran “non saber nada dese tema”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here