Alcoa decidirá onde aplicar o plan de axuste por “enerxía, competitividade e custes”; o comité fala de “emerxencia”

A multinacional elude concretar de que plantas fala tras anunciar que estuda peches e tamén se tocará o emprego a curto prazo; os sindicatos piden "medidas" ao Goberno

Instalacións de Alcoa en San Cibrao. EFE/Eliseo Trigo

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao mantivo este venres unha reunión coa dirección do complexo industrial da multinacional en Cervo, que non aclarou a situación da fábrica de aluminio dentro do plan de axuste para cinco anos anunciado pola compañía, un proxecto que prevé o peche de plantas e a redución da produción noutras instalacións.

Aínda que os sindicatos confirman que “a día de hoxe” Alcoa “aínda non puxo ningún nome enriba da mesa”, a dirección da factoría sancibrense si comunicou os criterios que manexa a multinacional para decidir en que plantas aplicará o plan de axuste: “dificultades polas que pasan e posibles solucións, competitividade, enerxía e custes“, resumiron os representantes dos traballadores.

O comité tamén indica que Alcoa “non aclarou cando tomará máis medidas” en San Cibrao, despois de parar 32 cubas e recortar un 11% a produción na planta de aluminio, que a empresa ve inviable sen unha enerxía máis barata.

O COMITÉ: “SOBRA DESTACAR A GRAVIDADE DA SITUACIÓN”

O comité sostén que “sobra resaltar a gravidade da situación”, que cualifica de “emerxencia“. Así, remarca que “só o Goberno central o pode solucionar concretando medidas que poñan o prezo da enerxía ao nivel doutros países da Unión Europea“.

Deste xeito, os traballadores piden de novo á Mariña Lucense o seu apoio na concentración prevista o vindeiro xoves, ás 20.30 horas, na Praza do Concello de Burela. Os sindicatos agradecen tamén a Federación de Comercio A Mariña (FCAM) o xesto de enviar 5.000 cartas -unha por cada emprego que xera a agrupación- ao Executivo central para reclamar solucións aos problemas da factoría de aluminio.

LLANO CHAMA A PARTICIPAR NA CONCENTRACIÓN DO DÍA 24

Neste sentido, o alcalde de Burela, o socialista Alfredo Llano, asegurou que “teño a confirmación da asociación de comerciantes da vila de que nos axudará, e quero facer un chamamento á xente do municipio a que participe na concentración”. 

“A presenza solidaria de todo o mundo da comarca debe ser significativa para acadar o obxectivo que temos, que non é outro que siga a factoría producindo, que siga mantendo os postos de traballo e que siga sendo algo tremendamente importante na vida socioeconómica da nosa comarca”, concluíu.

CONDE DI QUE A POSICIÓN DE SAN CIBRAO É “LÍMITE”

O conselleiro de Industria, Francisco Conde, asegurou que “estamos nunha situación crítica. Alcoa traslada uns resultados que non permiten ser optimistas dende o punto de vista da empresa e nomeadamente dende San Cibrao”.

“Alcoa leva moitos meses, un ano en concreto, trasladando e advertindo de que en España non hai un prezo competitivo para producir aluminio primario; é o mesmo tempo que o Goberno leva sen dar unha solución a través do estatuto de consumidores electrointensivos”, expuxo o conselleiro.

Conde argumentou así que a “inacción” do Executivo central “está poñendo a planta de Alcoa San Cibrao nunha situación absolutamente límite, e nós pedímsolle que non nos leve ao desmantelamento industrial dunha comarca como A Mariña e dunha provincia como Lugo”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here