Vestas cumpre vinte anos con 170 empregados e como “exemplo” de “diversidade e eficiencia”

O secretario xeral de Industria, Raül Blanco, e o conselleiro de Economía, Francisco Conde, asistiron á celebración da multinacional danesa, asentada en Viveiro desde 1998

Celebración do 20 aniversario de Vestas en Viveiro. AXM

A planta de Vestas Generator en Chavín, no municipio de Viveiro, celebrou este venres o seu vixésimo aniversario, nun acto que serviu para mostrar a importancia da factoría, que ocupa a 170 traballadores, no tecido industrial da Mariña Lucense.

Da maquinaria producida por estes empregados na factoría viveirense –xeradores, bobinas, paneis de control– nútrense 15 parques eólicos en explotación de Galicia.

A multinacional danesa asentouse en Chavín no ano 1998, e actualmente é líder na fabricación de palas, xeradores e na produción de enerxía eólica, con presenza en países como a propia Dinamarca, Alemaña, Estados Unidos ou China.

Durante o acto de aniversario, as autoridades participantes, acompañadas de clientes da fábrica e membros da directiva, realizaron unha visita guiada ás instalacións do persoal co fin de coñecer o funcionamento desta empresa así como aos seus operarios. Neste encontro tamén se realizou a presentación do vídeo recompilatorio da historia de Vestas e descubriuse a placa conmemorativa, a cargo da alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.

Participaron no acto o secretario xeral de Industria e PYME, Raül Blanco; o conselleiro de Economía, Francisco Conde; a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro; e o presidente da Deputación, José Tomé, entre outras autoridades, ademais do director da planta, José Miguel Soto.

GOBERNO E EMPRESA “SEMPRE ATOPAMOS SOLUCIÓNS”

Blanco salientou que a enerxía eólica ten un “enorme potencial” e que malia que “os elementos de competencia global xeran tensións e estarán aí, ata que se confirman as tendencias na transición ecolóxica e os proxectos”, o Goberno central e Vestas “sempre traballamos conxuntamente para atopar camiños e solucións, tamén nos momentos non tan bos”.

Descuberta da placa conmemorativa. AXM

O secretario xeral de Industria e PYME subliñou que España é “o único país de Europa onde se desenvolve toda a cadena de valor da enerxía eólica; fabricamos palas, turbinas, torres, e facemos o mantemento posterior. Somos exemplo”, asegurou. Blanco asegurou que “tralo parón da crise” é un “novo momento de promoción” dos parques eólicos, cunha previsión para 2020 de 50 xigavatios.

Blanco asegurou que “no futuro” se promocionarán “de forma moi importante” os contratos bilaterais entre a industria electrointensiva e as de enerxías renovables, a fin de que os acordos “teñan un impacto positivo sobre o territorio”.

CONDE RECLAMA UNHA TRANSICIÓN ENERXÉTICA “XUSTA”

Pola súa banda, Conde eloxiou a Vestas como un “exemplo de diversidade e eficiencia”. Así mesmo, Conde chamou a lograr un prezo eléctrico competitivo para o tecido empresarial galego, así como a dar prioridade a unha transición enerxética xusta e ordenada. “As enerxías renovables, neste caso a eólica, representan o futuro, e por iso debemos garantir o seu rendemento e a súa competitividade”, sinalou Conde.

Conde cifrou nunha vintena os parques eólicos que se están a construír en Galicia, e que teñen previsto comezar a súa actividade “a finais deste ano”, cunha enerxía producida de 480 MW e cun investimento de 564 millóns de euros. O 70% deses novos asentamentos eólicos estarán situados en Lugo, o que xerará “2.500 postos de traballo”.

LOUREIRO: “NON FOI DOADO CHEGAR ATA AQUÍ”

A alcaldesa, a socialista María Loureiro, asegurou que “non foi doado chegar ata aquí” e feliciou polo seu aniversario a “unha das empresas máis importantes non só de Viveiro, senón tamén da comarca”.

A rexedora foi absolta -ao igual ca outros catro edís- no 2017 dun suposto delito de prevaricación urbanística en relación coa concesión dunha licenza para a ampliación da fábrica de Vestas. Deste xeito, remarcou que o Concello “sempre estivo aí, á altura das circunstancias, nun momento crucial no que o alcance das consecuencias adquiría a categoría de cuestión social”.

Pola súa banda, Tomé remarcou a “cantidade de empregos indirectos” que xera Vestas e o seu “impacto positivo” na economía e no Produto Interior Bruto (PIB) da provincia.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here