IniciosociedadeAcordo unánime na Deputación para esixir medidas urxentes á Xunta e ao...

Acordo unánime na Deputación para esixir medidas urxentes á Xunta e ao Goberno central en relación con Alcoa

O pleno provincial tamén deu luz verde a solicitar a creación dunha autoridade portuaria propia para San Cibrao e para instar á Xunta a restituír a dotación completa na ambulancia medicalizada

Publicada o

- Advertisement -

A Deputación de Lugo aprobou por unanimidade presentar unha declaración institucional para reclamar apoio aos traballadores da fábrica de Alcoa-San Cibrao. Así pois, demandará —ante a Xunta de Galicia e ante o Goberno central— medidas urxentes para garantir o futuro e manter o emprego nesta factoría.

O acordo tomouse no pleno provincial celebrado na mañá deste martes 29 de outubro. Esta proposta, lanzada polo equipo de goberno, xa se debatera na última sesión plenaria, mais daquela non fora posible un acordo unánime. “Lamentablemente, o Partido Popular quixo poñer por diante os intereses do seu partido e salvarlle a cara á Xunta de Galicia no pleno pasado”, asegurou o presidente da Deputación, José Tomé, antes de iniciarse a sesión.

O goberno provincial entendía que a Xunta tamén debía implicarse á hora de tomar medidas en relación con Alcoa e coa central térmica das Pontes. “Como pediamos incluír a Xunta de Galicia, eles [os deputados do PP] non acordaron. Se quitabamos a Xunta, votaban a favor; se a poñiamos, non votaban“, explicou Tomé.

“POR RESPECTO” AOS TRABALLADORES

Ese argumento estivo moi presente no interior do Salón de Plenos. Aínda máis, a deputada mariñá María Loureiro (PSdeG-PSOE), acusou o PP de “oportunismo político” ao se sumar agora á busca de solucións. “Que fixo o goberno de Feijóo durante estes dez anos na Xunta? Desgrazadamente, nada”, lamentou. A “pantasma de peche” xa se deixaba ver hai ben anos, dixo Loureiro, ao tempo que achacaba a “falta de previsión e planificación da política industrial” da Xunta.

Pola súa parte, o Partido Popular afeou a “desconfianza” que transmite o goberno estatal no proceso de resolución deste conflito e indicou que o “único” motivo polo que o PSOE toma agora conciencia do problema é polas “fortísimas reaccións da sociedade”. Así mesmo, volveu referirse ao goberno de Pedro Sánchez ao insistir en que “quen ten competencias ten que asumir a responsabilidade”.

Á súa vez, o BNG cre que, aínda que a responsabilidade non descansa exlusivamente na Xunta nin tampouco no Goberno central, “o presidente da Xunta tamén ten que poñerse á fronte dos problemas dos galegos“. O deputado nacionalista Efrén Castro criticou a “carreira de fotos” que protagonizan os políticos, no canto de implicarse con medidas concretas. “Os gobernos centrais do PP e do PSOE esquecéronse das centrais. Agora estalou o problema“, engadiu Castro.

Así e todo, os tres grupos coincidiron en que é positivo chegar a este acordo “por respecto aos traballadores”. Polo tanto, houbo unanimidade á hora de acordar a solicitude de medidas urxentes ás administracións con competencia na materia: o Ministerio de Industria, o Ministerio de Transición Enerxética e a Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia.

AUTORIDADE PORTUARIA PROPIA

Por outra banda, a Deputación tamén aprobou por unanimidade a solicitude de creación dunha autoridade portuaria en San Cibrao que sexa independente da de Ferrol. Neste punto, os socialistas lembraron que Lugo xa conseguira no 2002 a condición de provincia marítima, requisito sine qua non para ter unha autoridade portuaria. Dezasete anos despois, cren oportuno levar por fin á realidade esa proposta, “vital para o futuro económico da Mariña“.

O presidente da Deputación destacara, minutos antes do pleno, que o porto de San Cibrao “é o único caso que se dá no Estado español que se goberna de desde outra provincia. “Nós consideramos que aqueles recursos que se xeran na provincia de Lugo revertan na provincia, neste caso nos portos da Mariña Lucense“, engadiu José Tomé.

Aínda que o PP considerou que non é o momento máis “propicio” para seguir adiante con este proxecto, tamén votou a favor.

Dique norte de Morás. AXM

O BNG, pola súa banda, presentou unha emenda -aceptada polos partidos- para a apertura ao tráfico comercial do dique norte de Morás. Alcoa ten o uso exclusivo do peirao desde 1998, utilizando unicamente a parte sur, polo que abrir ao tráfico de mercancías a estrutura, unha vella reivindicación, é “unha oportunidade económica para A Mariña” e unha medida “de sentido común”.

AMBULANCIA MEDICALIZADA EN FOZ

Finalmente, outro dos temas tratados no pleno e que atinxen á Mariña foi o recorte na dotación de persoal e horarios da ambulancia medicalizada de Foz. Por un lado, o PSOE pide que se recupere a figura dun segundo técnico no interior da Unidade de Vixilancia Intensiva (UVI) móbil e, polo outro, que se aumente o horario do vehículo asistencial de 12 a 24 horas.

“ENFERMAR EN LUGO É PEOR QUE ESTAR MALO NA CORUÑA”

Aseguran que se lle deben trasladar estas esixencias á Xunta de Galicia, a quen acusaron de ter “certa fixación coa sanidade lucense” e, en concreto, coa mariñá. “Ter un accidente ou poñerse enfermo na provincia de Lugo é peor ca poñerse malo na da Coruña“, dicía ao respecto o nacionalista Efrén Castro.

Os populares, pola contra, lamentaron o “catastrofismo” que amosan PSOE e BNG en relación coa sanidade galega e aproveitaron para recitar unha serie de medidas que supostamente implementou a Xunta para reforzar este servizo público. Con todo, entenderon que “a necesidade do segundo técnico nas ambulancias é imperiosa”, así que tamén apoiaron a proposta para “seguir mellorando”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...