Unha ruta de sendeirismo con parada nas Catedrais, arruinada polo tren

Os participantes padeceron retrasos na ida e na volta e perderon unha visita guiada ao areal

Estación de Ribadeo. JAVIER ELCUAZ/EL RINCÓN DEL TROTAMUNDOS

A plataforma Pola Defensa do Ferrocarril Ferrol-Ribadeo denuncia a odisea que viviu un grupo de sendeiristas na xornada do mércores, cando quixo realizar un roteiro desde Barreiros ata Rinlo, con parada na Praia das Catedrais. Os participantes padeceron constantes retrasos polos deficientes servizos da liña de Renfe-Feve, o que frustrou a iniciativa.

75 MINUTOS DE RETRASO DE IDA

Os sendeiristas colleron o servizo Ferrol-Oviedo da mañá en varios apeadoiros, como os de O Barqueiro, O Vicedo, Covas ou San Cibrao. Entre os participantes había xente galega e tamén de Madrid, Soria ou Guadalajara. A xornada comezou cun retraso no servizo por mor dunha avaría, o que provocou que o grupo chegase a Barreiros unha hora e cuarto despois do previsto.

BUS SEN PRAZAS ABONDAS

Cando os participantes no roteiro chegaron á Praia das Catedrais, o estado da marea impediulles facer a visita guiada. O grupo atopouse coa cancelación da liña Oviedo-Ferrol da tarde, que tiña previsto coller para o regreso, e padeceu un retraso de preto de dúas horas, xa que Renfe-Feve enviou para suplir ao tren un bus cun número de prazas insuficiente.

DEMANDA DE UNIDADE

A plataforma lembra que este exemplo demostra “o que xa dixemos, que o tren é tanto un medio de transporte como un efecto turístico a potenciar” e lamenta “a pésima situación do noso ferrocarril”. O colectivo di non entender “como a Xunta de Galicia e os concellos polos que atravesa a liña non fan fronte común contra este deterioro”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here