Xunta e obreiros reclaman medidas mentres o PSOE cifra en “38 millóns” as axudas para Alcoa este ano

O conselleiro de Industria, Francisco Conde, reuniuse cos sindicatos para avaliar a situación do complexo industrial de San Cibrao

Reunión do comité con Conde e os alcaldes de Xove e Cervo. AXM

O conselleiro de Industria da Xunta de Galicia, Francisco Conde, e os traballadores da planta de Alcoa en San Cibrao esixiron este mércores a convocatoria da mesa de seguimento para o futuro da industria e a presentación do estatuto para os consumidores electrointensivos, co obxectivo de “desbloquear a difícil situación” do complexo industrial da Mariña Lucense mediante unha rebaixa do prezo eléctrico.

A multinacional norteamericana ve “inviable” a planta de aluminio sen unha electricidade máis barata, e anunciou un plan de axuste para cinco anos no que prevé o peche de factorías, o que fai temer aos obreiros polo emprego.

Así o destaca a Consellería de Economía despois de que o titular deste departamento, Francisco Conde, participase nunha reunión entre a Xunta, os concellos de Cervo e Xove e o comité de empresa de Alcoa San Cibrao para avaliar a situación que atravesa a planta.

O conselleiro subliñou “a importancia” que esta planta ten para a comarca pero tamén para o conxunto da comunidade, dando emprego a un total de 1.600 familias. Ademais, incidiu en que a Xunta seguirá “ao lado dos traballadores da factoría xa que a prioridade é manter os actuais postos de traballo e a competitividade da empresa”, resalta Economía.

Para logralo, engade que Alcoa precisa competir en igualdade de condicións que o resto do mercado europeo, ofrecendo un prezo “estable e competitivo”.

AS AXUDAS POR CO2 “NON SON SUFICIENTES”

Conde referiuse á aprobación das axudas compensatorias por custos de emisións indirectas de CO2 por parte do Consello de Ministros, unha medida que permitirá a Alcoa ingresar 25 millóns de euros. Respecto diso asegurou que “non é suficiente” para rebaixar un prezo eléctrico que é un 40% superior á media europea.

Pola súa banda, o titular da consellería trasladou as iniciativas da Xunta incluídas na súa proposta de estatuto, como as medidas de carácter fiscal, a eliminación do céntimo verde ao carbón, redución de cargas e peaxes e incorporación da categoría do consumidor hiper-electrointensivo.

CABALLERO: “É MAIOR IMPORTE A CALQUERA EMPRESA”

Nunha visita a Burela, o líder do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, asegurou que Alcoa recibiu “38 millóns” de euros do Executivo central “este ano” para compensar os custes de emisións indirectas de CO2 e en materia de subastas de interrompibilidade.

Trátase, segundo Caballero, “do maior importe que deu o Executivo central a ningunha empresa en todo o país, é un mecanismo para permitir a competitividade e o impulso. Todo o que se avanza neste eido chega a carón do Goberno central socialista”, asegurou. Así, lamentou que a Xunta faga “campañas de demagoxia e falsidade en lugar de axudar a que haxa solucións, converténdose en parte do problema”.

O COMITÉ RECLAMA AO EXECUTIVO QUE MOSTRE O ESTATUTO

O comité sinala que as compensacións por emisións indirectas de CO2 aprobadas polo Goberno central é “un pouco de aire” para un persoal que ten “a cabeza na auga”. Con todo, o presidente do organismo de representación dos traballadores, Xosé Paleo, advirte de que malia que se trata “dun pasiño na boa dirección” é “insuficiente, porque quedan moitos pasos que dar para acadar un marco enerxético que nos permita competir en igualdade de condicións con outros países europeos. Iso é o que nos librará de afogarnos, a solución definitiva”, explicou.

Paleo insiste en que a planta “agora mesmo é competitiva” e en que a chave para seu futuro “está fóra da fábrica, na cuestión da enerxía”, que condicionará “os necesarios investimentos para o axeitamento aos novos tempos”.

Neste sentido, os sindicatos reclaman á ministra de Industria, Reyes Maroto, que convoque a mesa de seguimento e amose o borrador do estatuto das electrointensivas, o que prometeu aos traballadores na súa visita á planta.

MANIFESTACIÓN O DOMINGO

Así, Paleo explicou que por agora non hai novas sobre a solicitude do comité dunha “reunión urxente” para coñecer os pormenores do documento. “A ninguén se lle escapa que se en plena campaña de eleccións xerais non se presenta o estatuto, é probable que non haxa moito que ofrecer”, argumenta o sindicalista. Os obreiros, polo tanto, continúan a preparar a manifestación do vindeiro domingo en Viveiro.

1 COMMENT

  1. “A Xunta seguirá ao lado dos traballadores da factoría”, di o conselleiro. Si, sabémolo. Mentres o pepé lle poida sacar réditos políticos a esta situación. Despois os alcaldiños xa non terán tanto interese. Isto tamén o dixo antes o pesoe, e anteriormente o pepé, e moito antes aínda o pesoe…

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here