Unha subasta con arte

Burela mantén o oficio tradicional do ruleiro "á voz", que marca o ritmo da venta na lonxa

Subasta na lonxa burelesa. AXM

No século XXI imponse a automatización dos traballos, os robots toman as liñas de montaxe das naves industriais e producen a unha velocidade inalcanzable para os obreiros. Pero hai como mínimo un oficio no que o home segue a ser máis rápido cás máquinas: o do ruleiro “á voz”, que marca o ritmo da subasta do peixe na lonxa.

DISPOSITIVOS ELECTRÓNICOS

Algúns portos incorporaron dispositivos electrónicos para axilizar as ventas. Ocorre nas Rías Baixas ou tamén en Avilés, onde se instalou un reloxo de subasta que é o encargado de regular as poxas. Pero Armadores de Burela, S. A. (Absa) mantén que un ruleiro experto é a mellor garantía da dinamización do proceso.

En especies con moito volume de negocio, como o bonito ou a pescada, penso que somos máis rápidos. Nós damos saída a unhas 1.000 caixas en 30 ou 40 minutos”, sinala Adolfo González Ben, que rula na lonxa burelesa.

A AXILIDADE, NECESARIA

A axilidade é a tarefa do ruleiro e, en días con moitas descargas, unha necesidade. González Ben lembra que “temos clientes de Barcelona, Valencia, Sevilla ou Madrid, que necesitan marchar rápido e ter, nalgúns casos, todo listo ás dez ou ás once da mañá. Se a venta é dinámica é mellor para todos; para os vendedores, para os compradores e tamén para os consumidores”, sinala.

“Houbo quen me dixo que falara máis despacio. pensan que o fas adrede”, ri o ruleiro

Con todo, ás veces, a velocidade á que sucede todo topa coas expectativas da xente que se achega á zona portuaria para ver a subasta. “Unha señora díxome que non entendía nada, que por que non falaba máis despacio. Pensan que o fas adrede”, ri. Co éxito da Ruta da Lonxa que programaron Absa e o Concello abundan os visitantes, que  rabuñan a cabeza mentres tentan comprender as chaves do proceso.

CONTAR CARA ATRÁS

González Ben comezou a rular a finais dos anos 80, logo de comezar no pesado do peixe. Aprendeu do ‘Canero’, a quen relevou, a singular arte de contar para atrás. Na subasta, o prezo vai de maior a menor ata que un comprador reclama a caixa como súa. “Ao principio custaba ir ao revés. Iamos de cinco en cinco pesetas: 100, 95, 90… Despois chegou o euro e pensamos que teriamos problemas, pero todo foi afacerse. Agora imos de cinco en cinco céntimos, ou dun en un puntualmente”, explica.

PREZO DE PARTIDA

O ruleiro tamén é o encargado de asignar un prezo de partida a cada caixa, para o que se fixa “nos prezos do día anterior. Tamén na cantidade de peixe que hai, porque xa se sabe que cando se vende menos sóese pagar máis caro”, explica. A experiencia axuda a interpretar esas situacións. 

malia trinta anos no oficio, o subastador aínda sinte nervios coa primeira venta de bonito ou a da sardiña en san xoán

O ruleiro, que ronda os 30 anos no oficio, lembra subastas multitudinarias, “como as primeiras ventas dos boniteiros, cando viñan as mulleres e os fillos dos armadores e os mariñeiros”. A pesar da súa experiencia, confesa que aínda se pon nervioso nalgunhas rulas: “na primeira do bonito, na da sardiña polo San Xoán ou na da pescada cando se achega o Nadal. Sempre tes medo a equivocarte”, admite.

A TPV, SALVADORA

Malia que practica un oficio tradicional, González Ben non é un inimigo das novas tecnoloxías. Afirma que a tablet con impresora na que apunta os datos ao tempo que rula afórralle horas de traballo. “Ao principio, cando se informatizou esa parte, era reacio. Pero agora acórdaste das veces que tiñas que ir á oficina e facer recibo das caixas, un para ti, outro para o cliente. Non hai cor”, sorrí.

Para González Ben, rular trátase dun traballo como calquera outro, coas súas virtudes e os seus defectos. Pero ver ao ruleiro é algo máis ca iso: o espectáculo dun oficio tradicional que se perde e un recordatorio de que, na era das máquinas, non hai nada tan preciso coma o ser humano.

Información de Ramón González Rey e José Manuel González Brais.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here