Quinta mobilización do persoal de Reymogasa por 65 postos de traballo “no aire”

Protesta dos traballadores de Reymogasa, este mércores. AXM

Máis de medio centenar de empregados de Reymogasa manifestouse ás portas do complexo industrial de Alcoa en San Cibrao para pedir a subrogación. O persoal da auxiliar demanda que a multinacional os asuma coas mesmas condicións laborais que teñen na súa actual empresa, que renunciou recentemente á concesión que tiña para o mantemento mecánico no departamento de dixestión da planta de alúmina.

Os traballadores da firma iniciaron hai unha semana un calendario de protestas para reclamar a Alcoa que asuma a todo o persoal e coas mesmas condicións que tiñan na auxiliar.

Deste xeito, van pola quinta xornada de mobilización. Os empregados da auxiliar protagonizaron este mércores unha marcha desde vestiarios á porta principal e despois protestaron na entrada da factoría en San Cibrao entre o sete e o oito da mañá.

Con esta mobilización queren esixir garantías sobre o mantemento do emprego. Así, por parte do comité de empresa aseguraron que Reymogasa renunciou “unilateralmente” ao contrato.

Tamén sinalaron que actualmente Alcoa negocia coas empresas interesadas en substituír a Reymogasa e denuncian que “só hai un compromiso verbal de subrogación”, algo que entenden que é insuficiente. “Queremos garantías“, reclaman. “Seguiremos coas protestas porque non temos nada claro”, engaden por parte do comité de empresa.

O CONTRATO EXPIRA O 10 DE DECEMBRO

A finalización do contrato materializarase o 10 de decembro, segundo trasladou a auxiliar aos traballadores e de momento, “o único que hai en claro é que hai 65 postos de traballo no aire“, sinalaron.

SEGUIRÁN COAS PROTESTAS

De momento, hai programada outra protesta para o xoves e para o vindeiro mércores e o comité valora convocar outra máis o venres da próxima semana.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here