O novo comité de Alcoa San Cibrao elexirase o venres

CC OO, a forza máis votada, e CIG obtiveron nove representantes, polo que dúas candidaturas poderían optar á presidencia, que decidirá UXT

Planta de alúmina de Alcoa San Cibrao. WIKIPEDIA

Con rapidez, posto que a lexislación dá un prazo de convocatoria de 15 días, o vindeiro venres celebrarase o pleno de organización do novo comité de empresa do complexo industrial de Alcoa en San Cibrao, despois da finalización, a pasada semana, das eleccións sindicais.

Comisións Obreiras (CC OO) foi a forza máis votada nuns comicios nos que empatou a representantes, nove, coa Confederación Intersindical Galega (CIG), que ostentou a presidencia do comité nos últimos catro anos e foi a candidatura máis apoiada en 2015. A Unión Xeral de Traballadores (UXT) caeu da segunda á terceira praza, pasando de sete a cinco delegados.

Aínda así, a UXT -encabezada por Jorge Fernández “Castañón”- terá a chave para elixir ao vindeiro presidente do comité. José Antonio Zan, que liderou a CC OO nos comicios sindicais, presentará a súa candidatura. Por agora, o máximo dirixente do organismo de representación dos traballadores, Xosé Paleo (CIG), non desvelou se o fará, decisión que tomará a asemblea da central.

A CONTINUIDADE DA PLANTA, PRIMEIRO OBXECTIVO

A premura na convocatoria explícase pola situación da planta de aluminio, na que Alcoa parou 32 cubas e que a multinacional ve “inviable” sen un abaratamento da enerxía eléctrica. O novo comité de empresa terá como tarefa principal, sinalaron as tres centrais participantes, visibilizar o problema de San Cibrao e tratar de recadar o maior número de apoios dos partidos para acadar un marco tarifario da electricidade que ofreza garantías de continuidade á fábrica. Unha solución que, entenden os sindicatos, é unha cuestión “de vontade política”.

Agárdase un final de ano incerto en Alcoa San Cibrao, coa convocatoria da poxa de interrompibilidade e coa formación do novo Goberno central que saia dos comicios do pasado domingo, pois a súa política industrial podería favorecer ou complicar o futuro do aluminio nun contexto no que a multinacional anunciou un plan de axuste para cinco anos que prevé o peche de plantas.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here