Zan (CC OO), novo presidente do comité de empresa de Alcoa, pide “unidade de acción” aos sindicatos

Relevará a Xosé Paleo (CIG) tras celebrarse esta mañá o pleno organizativo, no que o sindicato nacionalista non presentou candidatura malia o empate a delegados

Zan, con abrigo azul, nunha rolda de prensa de CC OO en Viveiro. AXM

José Antonio Zan, de Comisións Obreiras (CC OO), será o novo presidente do comité de empresa do complexo industrial de Alcoa en San Cibrao, despois de que na mañá deste venres se celebrase o pleno de organización do organismo de representación dos traballadores.

CC OO foi a central máis votada nas pasadas eleccións sindicais, pasando de seis a nove delegados, aínda que cunha lixeira vantaxe no tocante aos votos sobre a Confederación Intersindical Galega (CIG) -351 contra 335, 16 sufraxios de diferenza-. Ambas as centrais empataron a nove representantes, por cinco da Unión Xeral de Traballadores (UXT).

Cun censo de 1.145 traballadores, 931 exerceron o seu dereito a voto. Finalmente, a CIG optou por non presentar candidatura.

O sindicato nacionalista foi o máis apoiado nos comicios de 2015 e Xosé Paleo ostentou a presidencia do comité ao longo dos últimos catro anos.

NOVOS REPRESENTANTES DO PERSOAL

No pleno organizativo quedaron establecidos os novos representantes do persoal. Soledad Alonso, tamén de CC OO, será a secretaria e tesoureira; Alberto Pulpeiro, do mesmo sindicato, ostentará a vocepresidencia; José Antonio Maseda, da CIG, exercerá como vicesecretario.

PIDE “UNIDADE DE ACCIÓN” AOS TRES SINDICATOS

En declaracións a Efe, Zan asegurou que é fundamental “manter a unidade de acción” dos tres sindicatos representados no comité de empresa para buscar unha saída á situación da factoría.

En todo caso, afirmou que CC OO asume a presidencia do comité de empresa coa idea de “liderar a saída desta situación” na que agora mesmo se atopa a factoría da Mariña Lucense, como consecuencia do prezo da enerxía eléctrica. Alcoa parou 32 cubas de electrolise e ve “inviable” a planta de aluminio sen un abaratamento do prezo da luz.

Ademais, a multinacional anunciou a nivel mundial un plan de axuste a cinco anos que prevé a redución da produción e peches de plantas.

A SOLUCIÓN PARA ALUMINIO, “VONTADE POLÍTICA”

Zan lamentou que “algo tan doce” como representar aos compañeiros da maior empresa da provincia de Lugo chegue “nun momento tan duro e tan amargo“.

O novo presidente do comité recordou que, en todo caso, “son os políticos” os que teñen que buscar unha solución ao problema, polo que a función do comité será, precisamente, recordar ás autoridades os compromisos adquiridos.

Segundo Zan, para que producir aluminio primario na Mariña sexa rendible e, polo tanto, garántase a actividade da planta e os postos de traballo, é necesario que unha empresa electrointensiva como Alcoa poida acceder á enerxía ao mesmo prezo que outras industrias “en Francia ou Alemaña“.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here