A pescada do pincho de Burela loce con receitas tradicionais e exóticas nos mercados de Madrid

A OPP Lugo dispuxo un showcooking con degustación gratuíta do produto en Maravillas, que se repetirá nos recintos de La Paz ou Chamartín

Preparación da pescada. AXM

Este venres tivo lugar no mercado de Maravillas, en Madrid, a primeira das
xornadas de degustación de pescada do pincho de Burela que, promovidas pola
Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo (OPP Lugo), repetiranse proximamente noutros recintos da capital do Estado, como o Mercado de la Paz ou Mercado de Chamartín.

Estas accións, que contan coa colaboración de Armadores de Burela S. A. (Absa), consisten en promocionar a pescada do pincho a través de diferentes ‘showcooking‘ nos que se poden degustar varias receitas a partir desta especie. Nesta primeira degustación, o chef MastroMatteo ofreceu dúas receitas moi diferentes: unha coa tradicional salsa verde e outra máis exótica, coa salsa xaponesa tentsuyu; que se ofreceron gratuitamente
entre o numeroso público que visitaba o mercado.

8.000 TONELADAS AO ANO

O xerente da OPP Lugo, Sergio López, destacou “o liderado do porto de Burela
como a lonxa de Galicia con maior comercialización de pescada do pincho, cunhas
8.000 toneladas ao ano”.

Salientou tamén a “máxima selectividade” nesta pesquería, xa que “o 100% das capturas da nosa flota en augas europeas realízanse con anzol, dunha en unha; límpanse, almacénanse individualmente e trátanse con mimo durante o seu paso por lonxa”; destacando tamén a posterior labor da Asociación de Maioristas e Exportadores para facelas chegar aos mercados.

A FROTA ESPAÑOLA CAPTURA O 25% DA PESCADA DA UE

O acto contou tamén coa participación de María Luisa Álvarez, Xerente de
Fedepesca (Federación Nacional de Asociacións Provinciais de Empresarios
Detallistas de Peixes), que puxo en valor o papel dos mercados e peixerías
tradicionais como punto de venta para “comprar produto fresco e comer ben, como
por exemplo a pescada de Burela, xa que o peixe debe ser protagonista dunha dieta
saudable”.

Na presentación da xornada interviu ademais Rocío Béjar, Secretaria Xeral Adxunta
de Cepesca (Confederación Española de Pesca), que recordou que “a frota
pesqueira española é líder na Unión Europea en canto a producción, sendo
responsable do 25% das racións de peixe que se serven ao ano en Europa, sen
comprometer a saúde dos océanos e asegurando o futuro das empresas
pesqueiras”.

O acto contou tamén coa asistencia de representantes de Armadores de Burela
(ABSA) e a Asociación de Exportadores Maioristas de Peixe da Mariña (ADEXMAR).
Esta acción englóbase dentro das accións de promoción da OPP Lugo incluídas no
seu plan de produción e comercialización anual e contan coa cofinanciación da
Xunta de Galicia e o Fondo Europeo e Marítimo da Pesca.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here