O comité de Alcoa pide aos partidos que interveñan para asegurar o futuro do aluminio

Os sindicatos lamentan non ter novas do Ministerio, que comprometera amosar o estatuto das electrointensivas, e salientan que aluminio "parte cada ano con 60 millóns de perdas"

Reunión do comité con Feijóo e Maroto. AXM

O novo presidente do comité de empresa da factoría de Alcoa en San Cibrao, no municipio de Cervo, José Antonio Zan (Comisións Obreiras), anunciou que o organismo de representación dos traballadores solicitou por carta a intervención dos partidos políticos na problemática da planta de aluminio, que a multinacional -despois de parar 32 cubas- ve inviable sen un abaratamento da enerxía.

O comité remarca que a “solución” para a continuidade do aluminio na Mariña Lucense “só pode vir das institucións, pois son as que articulan o sistema tarifario de enerxía. Ademais, son as que teñen a obriga de fomentar e velar pola industria, garantindo a igualdade de condicións con outros países da Unión Europea“, expoñen os sindicatos.

Así, sinalan, “consideramos necesario que o Goberno interveña activamente para asegurar a viabilidade e o futuro da industria, coa consecución canto antes dun sistema tarifario estable no tempo e cun prezo competitivo“.

Así, o comité solicitou unha reunión con cada un dos partidos en San Cibrao para explicarlles a situación e que expliquen cales serán as xestións a realizar para asegurar a viabilidade do aluminio. Ademais, sinala o comité, en Cervo os representantes políticos “poderán constatar as consecuencias de despoboamento para a comarca dun posible peche”.

SEN RESPOSTA DO GOBERNO

Zan anunciou que os traballadores estudan plantarse en Madrid coas súas demandas tras non obter resposta do Ministerio de Industria ás súas reivindicacións.

De momento, o sindicalista puntualizou que se prepara a concentración programada para o 4 de decembro en Foz e avanzou que se proxectan “outras mobilizacións para pór enriba da mesa “un problema que ao final é de toda a industria electrointensiva e fai falta que se lle dunha solución canto antes”, sostivo en relación á rebaixa no prezo da enerxía eléctrica, que supón o 40 por cento dos custos de produción da planta de aluminio primario.

No entanto, o sindicalista manifestou que “a base do problema está en Madrid. Se en pouco tempo seguimos sen ser escoitados teremos que ir a Madrid, porque o que non é lóxico é que nos poñamos en contacto co Ministerio, coas ligazóns que nos puxeron no Ministerio (de Industria) para falar con eles e nin sequera nos contesten“, criticou.

“Estamos a esperar, o novo comité de empresa púxose en contacto hai uns días coa ligazón que temos co Ministerio de Industria e aínda non nos contestaron”, lamentou.

ALÚMINA SOSTÉN ALUMINIO

Zan constatou que “agora a planta de aluminio está a perder diñeiro”, aínda que con todo estas “perdas” quedarían compensadas “coas ganancias da alumina”, abundou.

A continuación puntualizou que “o mercado da alúmina é un mercado moi variable”. “Levamos dous anos obtendo bos resultados pero xa se prevé que o seguinte exercicio non sexa tan bo“, alertou.

O presidente do comité de empresa da factoría de Alcoa na Mariña luguesa advertiu de que “en anos anteriores foi a planta de aluminio a que mantiña a da alúmina que daba malos resultados. Nós temos que mirar as plantas individualmente, e se non hai un prezo da enerxía como Francia ou Alemaña o que se fará será levar a industria a eses países”, sinalou.

Finalmente, Zan avanzou que parten “con sesenta millóns de perdas no principio do ano e así non vai haber ningunha industria que quede en España“.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here