InicioEconomía"Alcoa San Cibrao gastaría 105 millóns de euros anuais menos en luz...

“Alcoa San Cibrao gastaría 105 millóns de euros anuais menos en luz de estar en Francia”

O comité de empresa reclama ao Goberno "medidas urxentes" para aliviar unha diferenza "de 30 euros o MW" con respecto doutros países europeos

Publicada o

- Advertisement -

O presidente do comité de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, expón que o complexo industrial de Cervo aforraría “105 millóns anuais” a causa do prezo da enerxía eléctrica “se a planta estivese ubicada en Francia“. Así o expuxo o sindicalista durante a visita ao complexo industrial de Cervo da voceira nacional do BNG, Ana Pontón, e do deputado no Congreso da formación nacionalista, Néstor Rego, entre outros representantes do partido frontista.

Segundo o sindicalista, a fábrica gasta 3,5 millóns de megavatios (MW) ao ano, “e agora mesmo estamos nun prezo da electricidade que é 30 euros superior ao de Francia, de xeito que de estar ubicada neste país a factoría aforraría 105 millóns neste gasto”.

“Co prezo que tiñamos con anterioridade, de entre os 35 e os 40 euros/megavatio, podiamos competir con países como Francia ou Alemaña, aínda cun gasto máis alto. Pero agora non podemos suplir unha merma de 30 euros de diferenza”, lamenta.

Zan asegura que a planta de aluminio de San Cibrao, que Alcoa ve “inviable” sen un abaratamento da luz, afronta “unha problemática de emerxencia“, agravada pola “nova subasta de interrompibilidade que acaba de quitar o Goberno central, cunha baixada de cantidade en poxa de 2.340 a 1.000 MW, e a eliminación dos bloques de 40 MW, que son os que apoiaban directamente ás empresas electrointensivas e hiperelectrointensivas”.

“Temos un problema global neste sentido a nivel español”, razoa Zan, que se pregunta “se o Goberno quere prescindir da industria electrointensiva, que non é outra que a pesada: aceiro, aluminio. Non pode ser que Arabia Saudí, un país que ten diñeiro, e que pode apostar pola industria que prefire, estea montando plantas de aluminio, mentres que aquí estámolas a pechar porque non se lexisla e se pon un marco enerxético competitivo e estable”, argumenta.

O comité aínda non ten novas do Ministerio de Industria, a quen os sindicatos reclaman unha xuntanza para conformar a mesa de seguimento polo futuro da planta comprometida hai meses. As centrais tamén pediron unha reunión co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.

Respecto da concentración ante a Subdelegación do Goberno central en Lugo, convocada para o mediodía do vindeiro sábado, Zan agarda “que vaia toda a xente que poida”, aínda que lembra que “o importante” é “que tome nota quen ten que tomar a decisión, o Executivo”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...