En Marea propón crear un programa de liquidez para adiantar salarios en casos coma o de Muebles Hermida

Villares insta á Xunta a exercer de prestamista para evitar atrasos dos pagos que poden alcanzar "os nove meses" nos procesos concursais e provocar "desfiuzamentos"

Luís Villares. EN MAREA

En Marea propuxo este venres a creación dun programa de liquidez para o adianto de salarios para o persoal de empresas implicadas en procesos concursais, como é o caso de Muebles Hermida, que solicitou voluntariamente o concurso de acredores.

O voceiro da formación, Luís Villares, afirma que situación laboral que vive a empresa de Lourenzá require “dunha solución” que garanta que os 95 traballadores poidan cobrar os tres meses de salarios atrasados, que serán catro o vindeiro 15 de novembro, e que “as familias dependentes destes soldos teñan garantidos os ingresos“.

Ao igual que o PSdeG-PSOE e o Bloque Nacionalista Galego, En Marea levará a crise da empresa ao Parlamento galego, despois de que o voceiro se entrevistase co presidente do comité, Manuel Franco Otero, “para trasladar as reclamacións do persoal centradas funamentalmente no pago dos salarios atrasados e na continuidade dos postos de traballo”.

En Marea proporá á Xunta de Galicia dúas accións principais: que a Xunta se implique na procura dun plan de viabilidade para a empresa, reivindicación aprobada por unanimidade polas tres forzas -PSOE, BNG e PP– da corporación, “que pase polo cambio nos xeitos de produción e que asegure o futuro deste proxecto empresarial”, expón Villares.

A segunda das propostas de En Marea é o programa de liquidez, que “entraría en funcionamento cando se producen impagos de salarios en empresas en situación concursal, a Administración autonómica aboaría os salarios aos traballadores e recuperaría ese diñeiro en canto se resolve o proceso. Na actualidade, os procesos concursais poden dilatar ata nove meses o pago destes salarios, o que causa graves prexuízos para as familias e que poden implicar desafiuzamentos por impagos de hipotecas e situacións igual de severas para as familias”.

SOLUCIONAR CASOS QUE SE RESOLVEN “INDIVIDUALMENTE”

“O cometido deste programa de liquidez non sería gravoso para os orzamentos da Xunta de Galicia posto que se trata somentes dun adianto económico que se recupera coa resolución do concurso e das cantidades recoñecidas aos traballadores no mesmo”, argumenta o voceiro de En Marea. Coa intervención da Xunta solventaríase unha situación “que na actualidade se resolve de maneira individual por cada un dos traballadores”, sostén.

PRECEDENTES

En Marea lembra que experiencias semellantes tiveron lugar recentemente canda a creba dunha empresa turística en Baleares ou no sector agrario, coas entregas a conta por compromisos de pago adebedados aos produtores. Outro suposto tivo lugar logo do sinistro do Prestige, co pago aos particulares dos danos e a subrogación posterior do Estado na súa posición fronte ao causante dos danos.

“Calquera das situacións anteriores ten en común con esta proposta o adianto de cantidades que se sabe que son debidas e han ser aboadas, polo que se trata dunha simple operación financeira de adianto dun diñeiro a propia Administración recuperará cos seus correspondentes xuros”, conclúe a formación.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here