InicioEconomíaO comité de Alcoa pide respaldo en Lugo antes da semana "máis...

O comité de Alcoa pide respaldo en Lugo antes da semana “máis decisiva para a fábrica en 40 anos”

A concentración ante a Subdelegación do Goberno precederá a unha poxa de interrompibilidade que segundo os obreiros podería desembocar no anuncio de peche de aluminio

Publicada o

- Advertisement -

O comité de Alcoa San Cibrao chama a participar na concentración do vindeiro sábado, 13 de novembro, desde as 12.00 horas fronte á Subdelegación do Goberno en Lugo, para reclamar ao Executivo central un abaratamento da luz sen o que a multinacional ve “inviable” a planta de aluminio. Os sindicatos piden respaldo ante a que cualifican como “a semana máis decisiva en 40 anos de historia” do complexo industrial de Cervo, cunha poxa de interrompibilidade que -advirten- pode desembocar nun anuncio de peche por parte da compañía estadounidense.

Os recortes na potencia a subastar -de 2.340 MW a 1.000 MW- e a fragmentación dos bloques -coa eliminación dos lotes de 40 MW, os que máis interesan á industria pesada-, auguran un mal resultado para Alcoa, que leva anos queixándose do prezo da electricidade e que podería ver como non saca partido dun dos recursos legais usados polo Executivo estatal para aliviar o custo da luz ás grandes empresas.

Nun contexto no que Alcoa anunciou un plan de axuste a nivel mundial que prevé recortes na produción e o peche de plantas, os traballadores cren que San Cibrao está entre as posibles afectadas dado o prezo da electricidade, que supón o 40% dos gastos de produción de aluminio e que é “30 euros superior” ao de países como Francia ou Alemaña.

Os obreiros entregarán na sé do Executivo central na capital de provincia unha carta para reclamar a creación dunha mesa de seguimento para o futuro da planta de aluminio de San Cibrao. Doce Concellos da bisbarra fletarán autobuses para unha concentración na que o comité pretende reivindicar a importancia do complexo industrial -que dá traballo a 1.150 persoas de xeito directo, arredor de 600 só na planta ameazada de peche por Alcoa– para a economía da Mariña Lucense.

O MÉRCORES, ENTREVISTAS COS PARTIDOS EN MADRID

A semana que vén preséntase frenética no tocante á actividade para o comité. O luns, os sindicatos entrevistaranse co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o mércores acudirán ao Congreso dos Deputados, onde se verán con representantes de Podemos e BNG, quedando por concretar posibles encontros con delegados de PSOE e Ciudadanos. Pablo Casado recibiraos en Génova, na sé do Partido Popular.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...