A Xunta traslada ao comité que non intervirá en Muebles Hermida

Representantes do BNG, entre eles a deputada autonómica Olalla Rodil, reuníronse cos traballadores para mostrar o seu respaldo a un centro de traballo "irrenunciable para A Mariña"

Reunión de representantes do Bloque co comité de Muebles Hermida. AXM

A Xunta de Galicia elude por agora mediar en Muebles Hermida, tal e como pedían as tres forzas da corporación de Lourenzá -PSdeG-PSOE, PP e BNG-. Nunha xuntanza co Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), o comité de empresa da fábrica laurentina, que solicitou o concurso voluntario de acredores, recibiu a negativa do Goberno autonómico a intervir “porque aseguran que sería unha ilegalidade e entenden que se trata dunha empresa privada que ten que saír adiante por si mesma”.

O presidente do comité de empresa de Muebles Hermida, Manolo Franco, asegurou que a conversa cos representantes do Igape non aclara a situación da fábrica nin dos traballadores, que levan catro meses sen cobrar. “Dixéronnos que de haber algún investidor non terían problema en refinancialo, pero non van intervir”, precisa o sindicalista, que insiste que unha venta sería “a mellor solución” porque do contrario “só gañariamos tempo e con esta dirección non sairemos adiante, témolo clarísimo”.

O INFORME CONCURSAL PODERÍA ESTAR LISTO “NUN MES”

O administrador concursal negocia o pago de medio mes de agosto, que asumiría a empresa, e tramitou a solicitude dos traballadores ao Fondo de Garantía Social (Fogasa) para pagar os meses de setembro, outubro e novembro. “Así farían os 120 días”, indica Otero, que concreta que decembro “meterase para xaneiro”.

Os traballadores iranse de vacacións o vindeiro venres, e non volverán ata o 13 de xaneiro. “Estamos tentando acelerar o proceso a ver se Fogasa nos pode pagar sequera a principios do ano que vén. Hai xente que o está a pasar realmente mal, é moi dura esta situación“, indica. Sobre estes días de traballo, expón que se está a facer “limpeza e mantemento, á espera de que se nos facilite material”.

Respecto do informe valorativo da situación da empresa que debe presentar o administrador concursal designado polo Xulgado do Mercantil de Lugo, Javier Reigosa, Franco agarda que poida estar listo “no prazo dun mes“.

O BLOQUE AFIRMA QUE A EMPRESA DEBE AO IGAPE “MÁIS DE CATRO MILLÓNS”

Os traballadores mantiveron un encontro cunha representación do BNG liderada pola deputada autonómica Olalla Rodil, a coordinadora comarcal do partido nacionalista, Ana Ermida, e os concelleiros Quique Rocha e Áurea Vázquez, de Lourenzá, e Eloi Cabanas, de Mondoñedo, ademais do sindicalista da CIG Xoán Díaz.

Rodil precisou que o Bloque quixo coñecer “as situacións persoais nas que se atopan tras catro meses sen cobrar; hai casos moi complicados, insostibles“, lamentou a deputada, que asegurou que no encontro transmitiu “o apoio do BNG, que seguirá facendo presión política desde o Parlamento galego para tentar buscar unha solución, primeiro para que os obreiros cobren as nóminas que están atrasadas canto antes e tamén para facer viable o futuro de Muebles Hermida”.

A deputada nacionalista considerou que “non pode ser que unha dirección acabe cunha empresa que fai o seu traballo e que podería seguir de estar coordinada por xente responsable”, e requeriu á Xunta “que dea garantías aos traballadores e faga viable o centro de traballo”.

Rodil lembrou que o Bloque rexistrou varias iniciativas para o seu debate no Parlamento galego, que se abordarán probablemente no mes de xaneiro. “Van encamiñadas en dúas liñas, pedíndolle á Xunta que actúe, que medie, que exerza de Goberno galego para buscar unha solución, e tamén para que nos aclare en que situación económica se atopa a empresa; sabemos que hai unha débeda de máis de catro millóns que se deben ao Igape“, remarcou, para agregar que “estaremos moi pendentes do informe que presente o administrador concursal”.

Rodil subliñou que Muebles Hermida, que dá emprego a 97 traballadores, é unha empresa “irrenunciable” non só para Lourenzá e Mondoñedo, os municipios dos que procede a maioría do cadro de persoal, senón tamén “para A Mariña Lucense, que coa situación de Alcoa está nun proceso de desmantelamento industrial“.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here