O administrador concursal de Muebles Hermida propón un Erte dun máximo de nove meses

Afectaría aos 93 obreiros da moblería de Lourenzá, que decidirán en asemblea se aceptan a supresión dos contratos; atopar comprador é a "única alternativa" á liquidación

Fábrica de Muebles Hermida. IDOIA OTEGUI ARQUITECTURA

O administrador concursal de Muebles Hermida, Javier Reigosa, planteou este venres aos sindicatos un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (Erte) que afectaría á práctica totalidade do persoal e que tería unha duración máxima de nove meses, como única alternativa á liquidación da empresa, que solicitou o concurso de acredores voluntario o pasado 9 de decembro.

A medida, que os traballadores rexeitarán ou aceptarán por votación nunha asemblea que se celebrará o martes 7 de xaneiro, ás 11.00 horas no consistorio de Lourenzá, suporía o despedimento de 93 empregados e aplicaríase de inmediato, coa intención de buscar neses nove meses algún comprador ou investidor para a moblería laurentina. Os únicos obreiros que serían chamados a traballar, en ningún caso cubrindo o cen por cen da xornada, serían os que fan tarefas de mantemento.

FALTA DE MATERIA PRIMA

Segundo fontes sindicais, o administrador concursal propuxo “unha supresión dos contratos” dado que “continuar así é imposible” pola falta de materia prima da que está aqueixada a fábrica laurentina. Deste xeito, “a única opción” que se contempla alternativa ao peche é que neste período algunha empresa decida mercar Muebles Hermida ou inxectar capital, unha posibilidade que “require de tempo para negociar”. A partir de aí, de atoparse financiamento, chamaríase aos operarios para volver traballar; se non, liquidaríase a firma, coa venta dos activos para pagar aos acredores.

O presidente do comité de empresa de Muebles Hermida, Manolo Franco (CIG), sinala que se lles indicou que, de non aceptar o Erte proposto, o pago do mes de xaneiro “non se pode garantir. Estamos nunha situación complicada; nin a empresa nin os administradores queren meter máis cartos e os provedores non queren enviar material por adiantado, polo que continuar así non ten sentido”, resume.

Franco sinala que o administrador concursal “é bastante optimista” sobre a posibilidade dunha venta, aínda que matiza que “haberá que ver en que condicións se fan as ofertas”. Deste xeito, explica que un par de empregados “encargaranse do mantemento estes meses para que o posible comprador poida atopar a maquinaria en bo estado. A esta empresa fáltalle quen aposte con seriedade por ela; mellor cadro de persoal non o vai atopar”, afirma.

CATRO MESES SEN COBRAR

De aceptaren o Erte na asemblea, os 93 traballadores de Muebles Hermida quedarían no paro sen indemnización, tendo que gastar a prestación acadada e cobrando o 70% da base reguladora os seis primeiros meses e o 50% os restantes. Os empregados, que viven unha situación difícil dado que acumulan catro meses sen cobrar, percibiron antes da Noiteboa medio mes de agosto aboado pola empresa, e solicitaron o pago dos salarios de setembro, outubro e novembro ao Fondo de Garantía Social (Fogasa); o vindeiro martes, segundo o previsto, tramitarán a solicitude para percibir tamén a nómina de decembro.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here