O persoal de Muebles Hermida acepta o Erte co 63% dos votos

Administrador concursal e comité de empresa negociarán unha supresión do emprego durante un máximo de nove meses para atopar un comprador que reflote a moblería de Lourenzá

Nave de Muebles Hermida. FACEBOOK

O persoal de Muebles Hermida aceptou este martes nunha asemblea celebrada no consistorio de LourenzáExpediente de Regulación Temporal de Emprego (Erte), dun máximo de nove meses, proposto polo administrador concursal da empresa, que no pasado mes de decembro solicitou o concurso de acredores.

Dos 93 traballadores con dereito a voto, 59 pronunciáronse a favor, por 28 en contra. Houbo cinco sufraxios en branco. Deste xeito, comité de empresa e administrador concursal negociarán nos próximos días a supresión dos empregos.

O Erte foi proposto polo administrador concursal, Javier Reigosa, para atopar comprador ou investidor, “única alternativa” á liquidación da empresa, que acumula unha importante débeda e que nas últimas semanas apenas recibiu materia prima coa que afrontar os pedidos.

O presidente do comité de empresa, Manolo Franco, agarda que o proceso “se axilice rápido e se adianten os prazos, porque sería a forma de non perder de cobrar o mes de xaneiro. Doutro xeito iría contra a masa“, explica.

“A única saída é agardar que haxa un investidor, é a esperanza que temos”, sinala Franco, que asegura que se fala “dun par de ofertas“, pero que por agora non se optou á compra en firme.

Segundo o previsto, os traballadores deben volver aos seus postos o día 13 tralas vacacións de Nadal, aínda que Franco precisa que se negociará un permiso retribuído para o persoal ata que se pacte o Erte.

Os empregados, que acumulan catro meses sen cobrar -percibiron medio mes de agosto na pasada Noiteboa-, tramitaron este mesmo martes a solicitude ao Fondo de Garantía Social (Fogasa) para que asuma tamén a mensualidade de decembro, ao igual que fixeron con setembro, outubro e novembro.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here