InicioEconomíaO comité de Alcoa esixe ao Goberno que aprobe o estatuto no...

O comité de Alcoa esixe ao Goberno que aprobe o estatuto no vindeiro Consello de Ministros

Os sindicatos, que prevén que a multinacional presente os seus plans de futuro a vindeira semana, reclaman un novo marco enerxético de inmediato "para a viabilidade do aluminio"

Publicada o

- Advertisement -

O comité de empresa de Alcoa reclama a Pedro Sánchez, recén investido como presidente do Goberno central, que publique o vindeiro venres, día no que se podería celebrar o vindeiro Consello de Ministros, o Real Decreto que aprobe o comprometido estatuto das electrointensivas.

José Antonio Zan, presidente do organismo de representación dos traballadores, esixe ao Executivo bipartito de PSOE e Unidas Podemos, que acordou a aprobación deste documento -foi tamén un dos compromisos adquiridos polos socialistas co BNG para que a formación nacionalista apoiase a investidura de Sánchez-, saque adiante o texto para “crear un marco enerxético estable” que “nos dea viabilidade como fábrica de electrolise e de aluminio”.

Despois dunha subasta de interrompibilidade que reduciu significativamente o beneficio para as empresas altamente dependentes da electricidade –CC OO cifra en 16 millóns as perdas de Alcoa-, o sindicalista espera ver “que panacea” contén o estatuto do consumidor electrointensivo, reclamado para abaratar o prezo da luz, que fai “inviable” a fabricación de aluminio primario en España segundo Alcoa.

Zan sostén que “non hai razón para demorar máis” a aprobación do documento. “Veremos que medidas trae e ata onde chega, e que certeza ofrece ás electrointensivas”. O presidente do comité avanza que o Goberno central si pagou o pasado 23 de decembro “unha parte importante” á multinacional en materia de compensacións por emisións indirectas de dióxido de carbono (CO2).

O DÍA 15, MESA DE SEGUIMENTO

Os sindicatos agardan que na vindeira mesa de seguimento polo futuro do complexo industrial de San Cibrao, convocada para o vindeiro día 15, Alcoa presente os seus datos globais a final do exercicio 2019 e anuncie os plans de futuro para 2020, entre os que temen que estea un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) ou o peche da planta de aluminio primario cervense.

Deste xeito, e dado que Alcoa renunciou trala poxa de interrompibilidade a seguir presionando ao Goberno central, e en vista de que anunciou un plan de axuste a nivel mundial que prevé o peche de plantas, Zan asegura que “a nosa reivindicación é independente de Alcoa. Se esta compañía quere seguir, que siga, e senón, que marche; nós queremos producir aluminio, e non poderemos facelo sen un marco enerxético estable”, remarca.

PROTESTA EN MADRID

Sobre a mobilización que os grandes sindicatos estatais -CC OO, UGT e USO– planean o día 22 en Madrid, para reclamar un futuro para a industria electrointensiva, queda por concretar a presenza da CIG, que conta con nove delegados no comité, os mesmos que a CC OO, a forza máis votada e que ostenta a presidencia.

XUNTANZA COS SINDICATOS DAS AUXILIARES

O comité de Alcoa San Cibrao reuniuse este martes coa recén creada plataforma das empresas auxiliares do complexo industrial cervense. Segundo un dos voceiros do colectivo, Quique Rocha, a xuntanza serviu para “buscar forma de coordinarnos” de cara a posibles mobilizacións, aínda que matiza que “non se convocou ningunha cita nova”.

Os sindicatos das auxiliares de Alcoa anunciaron paros para finais de mes, pero por agora non hai unha cita concreta, xa que se agarda que se poida resolver o conflito laboral en Reymogasa, onde aínda está por concretar as condicións laborais da subrogación dos 65 traballadores que exercían tarefas de mantemento no departamento de dixestión de alúmina.

Comité de Alcoa e plataforma das auxiliares quedaron en ter “contacto directo e día a día” para facer forza de cara a reclamar unhas condicións que faciliten a fabricación de aluminio na Mariña Lucense. “Por agora estamos a expensas do Goberno central, de que quite o estatuto”, indica Rocha.

MÁIS DE 900 OPERARIOS REPRESENTADOS NO COLECTIVO

A plataforma, que reunía nos últimos días a sindicatos de dezasete auxiliares, sumou outras tres empresas á causa: son Daorje, Tubafer e Sertosa. “Agora mesmo só hai unha firma que ten representación sindical e non está adherida, e neste momento pasamos de 900 traballadores representados”, expón o voceiro do colectivo.

Os sindicatos das auxiliares reiteran que non solicitarán estar na mesa de seguimento polo futuro de Alcoa. “Non vemos necesaria a nosa presenza aí e non a imos pedir”, conclúe Rocha.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...