Semana decisiva para Alcoa, que presentará o día 15 os resultados de 2019 e os plans para 2020

Nos vindeiros días comité e dirección reuniranse, está prevista a mesa de seguimento e podería celebrarse o primeiro Consello de Ministros do bipartito, co estatuto no punto de mira

Planta de aluminio de Alcoa San Cibrao. WIKIPEDIA

A semana que vén presúmese decisiva para o futuro de Alcoa San Cibrao, toda vez que a multinacional anunciará o vindeiro 15 de xaneiro os resultados financieiros a nivel global do cuarto trimestre de 2019, que suporá o peche do exercicio. Farao, segundo expuxo a propia compañía de Pittsburgh, “despois do peche da negociación na Bolsa de Nova York“. Ademais, o presidente da firma en España, Álvaro Dorado, entrevistarase co comité de empresa e tamén para o vindeiro mércores está prevista, se non se retrasa pola formación do Goberno central, a primeira xuntanza da Comisión de Seguimento polo futuro da planta sancibrense.

A multinacional radicada nos Estados Unidos manterá unha conferencia telefónica para discutir os resultados a partir das 17.00 horas (hora estadounidense), e posteriormente emitirá un comunicado de prensa e unha presentación relacionada, segundo expuxo Alcoa. Malia que fontes da compañía aseguran que se trata “dunha reunión normal, de carácter trimestral“, a situación da planta de aluminio sancibrense –que a empresa ve “inviable” co actual prezo da enerxía- e o anuncio dun plan de axuste a cinco anos coa previsión do peche de fábricas, fai que o persoal das factorías de Cervo estean pendentes do que vaia anunciar.

Fontes da multinacional, que se desfixo recentemente dunha fábrica de residuos en Arkansas, aseguran que “non hai tomada ningunha decisión” ao respecto de aluminio en San Cibrao. Tralo resultado da poxa de interrompibilidade, na que segundo Comisións Obreiras (CC OO) a planta sancibrense perdeu 16 millóns de euros con respecto á anterior convocatoria, a previsión da empresa -que non se refire á fábrica de alúmina, que podería pechar o curso con beneficios- é que aluminio “perdeu no 2018 48 millóns, no 2019 perderá entre 50 e 60 e a situación será peor en 2020”.

ALCOA, “SEN CITACIÓN” PARA A MESA DE SEGUIMENTO

Sobre a mesa de negociación de Alcoa, a multinacional asegurou que non pode “confirmar” a súa presenza, xa que as novas que ten sobre a mesma “son a través dos medios de comunicación” e por agora non recibiu “ningunha notificación“.

O PRIMEIRO CONSELLO DE MINISTROS DO BIPARTITO NON SE CELEBRARÁ ESTE VENRES

O comité de empresa citouse co presidente de Alcoa España o vindeiro luns, 13 de xaneiro, a partir das 12.00 horas no complexo sancibrense. Os sindicatos reclaman a convocatoria do Consello de Ministros do novo Executivo, que con total probabilidade non se celebrará este venres, para aprobar o estatuto das electrointensivas. A primeira reunión do Goberno bipartito de PSOE e Podemos podería celebrarse o día 17.

En declaracións a Efe, o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, asegurou que espera “que se forme o Goberno canto antes” e sostén que non se trata “de ser pesimistas nin realistas”, porque unha vez aprobado, “haberá que ler o documento e ver en que prezo deixa a enerxía. Trátase de saber en canto vai deixar o megavatio/hora en comparación con outros países da Unión Europea”, onde actualmente o prezo que pagan industrias electrointensivas como Alcoa sitúase entre “30 e 35 euros“.

Tamén é importante, recordou, saber “cando se vai a establecer ese prezo, porque se chega dentro de dez anos, probablemente a fábrica xa non estea” na Mariña Lucense.

CONCENTRACIÓN EN MADRID O 22

Os sindicatos maioritarios a nivel estatal -CC OO, Unión General de Trabajadores (UGT) e Unión Sindical Obrera (USO)– preparan unha concentración en Madrid para o 22 de xaneiro, unha protesta ante o Congreso dos Deputados e o Ministerio de Transición Ecolóxica para o que queren sumar á Confederación Intersindical Galega (CIG) é a plataforma sindical das empresas auxiliares de Alcoa, recentemente constituída e que hoxe conta con 20 firmas e máis de 900 traballadores representados.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here