Os obreiros de Muebles Hermida reciben as notificacións do Fogasa e esperan cobrar en febreiro

A previsión é que o Erte, cun período máximo de 270 días, entre en vigor esta semana; os traballadores, que acumulan cinco meses de impagos, buscan alternativas

Nave de Muebles Hermida. GOOGLE MAPS

Os traballadores de Muebles Hermida, que aceptaron un expediente de regulación de emprego temporal (Erte) despois de que a empresa solicitase o concurso voluntario de acredores polas débedas acumuladas, recibiron este luns as primeiras certificacións por parte do Fondo de Garantía Social (Fogasa), ao que solicitaron o cobro das súas nóminas correspondentes aos meses de setembro, outubro, novembro e decembro.

Os 93 obreiros da moblería de Lourenzá, que desde o pasado 13 de xaneiro están de permiso retribuído ata que entre en vigor o Erte, cumpriron este xaneiro cinco meses sen cobrar despois de que a firma aboase, días antes do Nadal, medio mes de agosto. A notificación por parte do Fogasa, que informa do visto bo aos pagos, transmite “un pouco de tranquilidade” a un persoal que padece as dificultades dos impagos, segundo expón o presidente do comité de empresa, Manolo Franco.

Hai xente que o está a pasar moi mal. Algún dos empregados ten cinco fillos, xente humilde e emigrante… A ver se podemos cobrar rápido”, indica Franco, que precisa que as previsións do administrador concursal, Javier Reigosa, é que poidan percibir o adebedado “a mediados de febreiro, sobre o día 10 ou 11″.

Sobre o Erte, o administrador concursal prevé que poida aplicarse desde esta semana, sempre á espera dos tempos da tramitación, e xa prepara a documentación para presentar na Sociedad Estatal de Participaciones Industriales (Sepi).

Á ESPERA DUNHA POSIBLE COMPRA

Segundo o pactado co comité de empresa, que someteu o documento a votación entre o persoal, o período máximo de aplicación do expediente de regulación de emprego temporal será de nove meses. De atoparse unha solución para a empresa, que pasa por un comprador ou unha inxección de capital, Muebles Hermida chamará aos empregados para reincorporarse, de xeito que, se están a traballar noutra firma, terán a elección última de se volver ou ficaren nos seus postos.

“A maioría xa está buscando algo, porque é un período moi longo e hai que traballar”, indica Franco. No tocante a unha posible compra de Muebles Hermida, que os traballadores ven como a única posibilidade para reflotar a moblería, o sindicalista sinala que “por agora non sabemos nada. Estase a negociar, pero non hai nada concreto”, conclúe.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here