(AMPLIACIÓN) O comité de Alcoa di que o estatuto das electrointensivas “segue sen ser a solución”

Os sindicatos sosteñen que as medidas propostas rebaixarán o prezo da luz como máximo en 12,5 euros/MWh, unha reducción 4,5 euros menor con respecto á acadada en 2019

Concentración pola planta de Alcoa en Lugo. AXM

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao asegurou este martes que o estatuto das empresas electrointensivas presentado polo Goberno central o pasado luns “segue sen ser a solución” para abaratar a enerxía eléctrica e que o complexo industrial de Cervo poida “ter un marco estable e competitivo que nos sitúe nun estado de igualdade co resto dos competidores da Unión Europea (UE)“.

O Executivo comprometera un total de 262 millóns en axudas para as empresas grandes consumidores de electricidade (arredor dunhas 600), o que supón unha caída con respecto ás subvencións que recibían entidades como Alcoa noutras anualidades. O Goberno eliminará a subasta de interrompibilidade, mecanismo cuestionado pola UE que chegou a repartir 500 millóns anuais entre as firmas participantes –arredor de 70 para Alcoa-. A cambio, comprometeuse a manter en 172 millóns as compensacións por emisións indirectas de dióxido de carbono (CO2) -a alumineira estadounidense percibiría deste xeito 25 millóns- e a bonificar nun 85% os pagos por renovables e eliminar os cargos por extrapeninsulares. Estas novidades, segundo o Executivo, permitirán o aforro duns 90 millóns, co que a cantidade destinada polo Estado a aliviar o custo enerxético é significativamente menor.

CO2

No tocante ás compensacións por custos de emisións indirectas de CO2, o comité considera “necesario que o Goberno cumpra co seu compromiso de aumentalas aos máximos permitidos pola Unión Europea, como ocorre no resto dos países, e asegurar a longo prazo esta compensación cunha lexislación clara”.

BONIFICACIÓNS POR CARGOS

Respecto das bonificacións aos cargos por renovables e custos de territorios extrapeninsulares, a proposta do Executivo deixa ao complexo industrial de San Cibrao, a xuízo dos sindicatos, “nunha situación moi pouco competitiva en comparación cos nosos veciños europeos. Necesitamos unha baixada nos peaxes dos transportes e xeración para as empresas electrointensivas. Para isto é necesario unha diferenciación inequívoca entre grandes e pequenos consumidores, xa que se rebaixou o mínimo de consumo de 40 GWh anuais a 15 GWh, o que fai que se inclúan a 600 empresas nestes parámetros”, remarca o comité.

O comité de Alcoa reclamara a distinción, á hora de elaborar o estatuto, entre as empresas electrointensivas e hiperelectrointensivas, aquelas con maior dependencia do prezo da luz -no 2019, supuxo segundo a multinacional o 40% dos custes de produción da planta de aluminio, que ve “inviable” coas actuais condicións-, unha figura normativa que o documento non recolle.

PPA’s

No relativo ao fomento dos contratos bilaterais con empresas renovables (PPA), os sindicatos argumentan que a proposta da creación dun fondo de garantías non evitará que os acordos sexan “de dubidoso cumprimento, dado o oligopolio das eléctricas e a falta de regulación do Goberno”.

ANUNCIA ALEGACIÓNS

Deste xeito, o comité de empresa de Alcoa San Cibrao sostén que a rebaixa máxima da enerxía eléctrica que favorecerá o estatuto será de 12,5 euros/Mwh, mentres que os mecanismos -coa interrompibilidade incluída- utilizados polo Estado no 2019 para aliviar o custo da luz aos grandes consumidores supuxeron un recorte de 17 euros/MWh. “O Goberno reduce as axudas á industria electrointensiva en 4,5 euros“, sosteñen os sindicatos, que anuncian que presentarán alegacións ao documento.

A CIG: “NON HAI BASES DUNHA TARIFA INDUSTRIAL COMPETITIVA E PREDECIBLE”

A CIG entende que o borrador do novo decreto electrointensivo “non permite sentar as bases dunha tarifa industrial predicíbel, estábel e competitiva” e “cae nos mesmos erros que o primeiro texto: indefinición sobre cuestións como a compensación por CO2, non libera a factura dunha parte importante dos custes alleos ao sistema, non é garantista en relación ao emprego e condicións laborais, e liga máis da metade do impacto económico que poida ter a medida ao que se aprobe nos Orzamentos Xerais do Estado“.

Deste xeito, a central nacionalista vai presentar alegacións, como xa fixo co anterior borrador, na liña da proposta de tarifa eléctrica elaborada pola central en outubro de 2018.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, remarca que “o prezo probábel de redución na tarifa eléctrica vincúlase nun 57% con medidas que non están dentro do propio estatuto ou, no caso de contemplárense no texto da norma, teñen un carácter compensatorio e dependen dos PGE. Neste senso, faise unha previsión de compensación polas emisións de CO2 de arredor de 5,5 euros menos por tonelada e en canto a compensación por cargos falan dunha media de 2-3 euros, mais todo ligado aos OXE. Sobre este punto, a CIG critica que o Goberno español non chegue ao máximo da compensación que permite a Unión Europea”, conclúe.

No tocante ao emprego, a central sindical denuncia que non se lle están a esixir ás compañías as garantías de emprego suficientes. “Nós entendemos que as esixencias ás empresas no só deberan estar relacionadas co mantemento do emprego no tempo, senón que entendemos que toda empresa que reduza en máis dun 20% a súa produción ou os postos de traballo actuais, ou que non respecte as condicións laborais, debera ser excluída automaticamente da posibilidade de recibir estas axudas”, indica Carril.

O PP DEFENDERÁ UNHA MOCIÓN DE URXENCIA NA MANCOMUNIDADE

O alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, voceiro do PP na Mancomunidade de Municipios da Mariña, defenderá unha moción de urxencia para reclamar cambios no estatuto para consumidores electrointensivos, na liña das propostas da Xunta e dos Traballadores de Alcoa, co fin de garantir o futuro da industria de San Cibrao.

“As medidas avanzadas polo Goberno son as mesmas que levou hai 20 días á mesa de traballo na que a propia Alcoa xa lle advertiu de que eran insuficientes“, argumenta o PP, que reclama un prezo da luz “de entre 35-40 €/MWh”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here