Continúa a campaña dos obreiros de Alcoa, que enchen San Cibrao de lazos azul eléctrico

O comité ultima as alegacións a presentar ao estatuto das electrointensivas, que considera "insuficiente" para garantir a continuidade da planta de aluminio

Dous obreiros de Alcoa colocan un lazo azul nunha palmera do paseo marítimo. AXM

Os traballadores de Alcoa continuaron este venres en San Cibrao coa campaña de visibilización da situación da planta de aluminio do complexo industrial de Cervo, que a multinacional ameaza con pechar coas actuais condicións da enerxía eléctrica.

Tras comezar a campaña o pasado venres en Xove, os obreiros da alumineira colocaron en varias zonas da vila sancibrense os lazos de cor azul eléctrico cos que pretenden reclamar a atención sobre a posibilidade dun recorte no emprego de non establecerse un marco enerxético estable para as grandes consumidoras de electricidade.

Segundo o comité de empresa, o borrador do estatuto das electrointensivas presentado polo Goberno central non “resolve o problema”. Os sindicatos calculan que as medidas propostas rebaixarán o prezo da luz como máximo en 12,5 euros/MWh, unha reducción 4,5 euros menor con respecto á acadada en 2019 coa poxa de interrompibilidade, mecanismo que o Executivo pretende eliminar.

Obreiros das antigas fábricas de Alcoa en Avilés e A Coruña, pertencentes agora ao fondo suízo Parter e á espera de poder rearrincar as series de electrolise, así como as grandes centrais sindicais –CC OO, UGT e CIG-, a Xunta de Galicia e mailo BNG tamén coincidiron en afirmar que o documento presentado é “insuficiente” para garantir un prezo da enerxía estable e competitivo á gran industria. O comité e as centrais sindicais anunciaron alegacións ao borrador do estatuto.

Este venres, CC OO chamou á mobilización o vindeiro 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega, a prol dunha tarifa eléctrica máis barata para as electrointensivas.

AS ELECTROINTENSIVAS, EN SILENCIO

Polo de agora, tanto Alcoa como a Asociación de Empresas de Gran Consumo de Energía (Aege), á que pertence a multinacional xunto a outras 16 entidades, non se pronunciaron publicamente sobre o documento, nin se espera que o fagan ao longo dos próximos días, segundo fontes das firmas.

1 COMMENT

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here