Despois do Expediente de Regulación Temporal de Emprego (Erte) en Muebles Hermida, que afectou a uns 93 traballadores da moblería de Lourenzá, o sector da transformación de madeira na Mariña Lucense recibiu outro golpe esta semana ao entrar en vigor un Erte no serradoiro de Costiña, en Alfoz, que afectará a 47 dos 65 traballadores da empresa.
Segundo explican desde a CIG, único sindicato con representación no comité de empresa, o Erte foi acordado a finais da semana pasada co beneplácito da asemblea de persoal, e entrou en vigor o luns. Segundo o pacto entre a central nacionalista e a dirección de Costiña, suspenderase o contrato de 31 traballadores nun primeiro período de catro meses, e doutros 16 a posteriori e en idéntico prazo. Obreiros de administración, mecánica e outras tarefas non se verán afectados.
DÉBEDA CERCANA AOS CATRO MILLÓNS
Os traballadores leva todo o ano sen cobrar. A empresa adebédalles os meses de xaneiro e febreiro, e tamén dúas pagas extra arrastradas do pasado exercicio. Segundo fontes sindicais, Costiña tería unha débeda cercana aos catro millóns de euros, dous deles de xeito estruturado con entidades financieiras desde o ano 2014. A dirección solicitou o concurso voluntario de acredores, pero por agora non recibiu o visto bo correspondente do Xulgado do Mercantil.
“Agora mesmo non hai actividade ningunha, quedará a xente suficiente para dar saída ao stock de madeira, e esperamos que máis adiante si a haxa”, asegura Afonso Losada, da delegación de construción e madeira provincial da CIG. A intención ao aceptar o Erte, indica, é gañar tempo para que poida haber unha inxección de capital ou un comprador. “Sabemos que hai unha empresa cántabra importante no sector interesada, pero imaxinamos que esperará a que se aclare o proceso concursal para presentar unha oferta, unha vez dispoña do informe concursal e estea reducida a débeda coa quita”, expón o sindicalista.
O persoal de Costiña denunciou publicamente no pasado mes de setembro os impagos que padecía, pero a finais do pasado ano e principios deste preferiu levar o conflito laboral en silencio. “Fixemos presión a nivel interno con folgas, condicionadas a pagos de mensualidades en prazos concretos, que en ocasións se foron cumprindo. Non quixemos estorbar a unha posible compra, pois sabemos que houbo reunións”, indicou.
A VENTA, CONSIDERADA “IMPRESCINDIBLE”
Respecto dos pagos, Losada indica que “a empresa asegura que asumirá o mes de xaneiro, e febreiro probablemente haberá que solicitalo ao Fondo de Garantía Social (Fogasa)“. O sindicalista considera unha venta “imprescindible. Coa estrutura actual probablemente non haxa viabilidade. Temos un posible comprador que manifesta a súa intención de investir na zona e agarrámonos a iso”, sostén.
TAMÉN EN AVILÉS
Na delegación de Maderas Costiña en Avilés aplicarase o mesmo Erte. Neste caso, o expediente afectará a doce operarios, en quendas de seis e seis empregados, tamén en prazos de seis meses.
EN MUEBLES HERMIDA, Á ESPERA DO INFORME CONCURSAL, A SEMANA QUE VÉN PODERÍA SER CHAVE
En Muebles Hermida, o persoal segue á espera do informe que debe presentar o administrador concursal, Javier Reigosa. Segundo expuxeron fontes sindicais, a semana que vén podería concretarse unha reunión cos sindicatos para presentar o documento, que debe ofrecer unha previsión de futuro da firma, que se debate entre a venta ou a liquidación. Segundo sostivo El Progreso, o volume de débeda rondaría os 13 millóns de euros, aínda que o activo superaría en dous millóns o pasivo.
Segundo expuxo o presidente do comité de empresa, Manolo Franco, a totalidade do persoal cobrou os catro meses solicitados ao Fogasa. Varios traballadores “foron encontrando emprego” ante a aplicación do Erte, que entrou en vigor a finais do mes de xaneiro e que durará un máximo de nove meses.