Pontón sobre a visita de Casado a Alcoa: “o turismo electoral fai escala en San Cibrao”

A candidata do BNG á presidencia da Xunta di que a Feijóo "dálle vergoña" acompañar ao líder do PP porque "sabe" que o partido conservador "tamén é responsable" da situación de aluminio

Ana Pontón, no Parlamento galego. AXM

A voceira nacional do BNG e candidata á presidencia da Xunta de Galicia, Ana Pontón, criticou que “o turismo electoral” faga este xoves “escala” na factoría da multinacional Alcoa en San Cibrao, coa reunión do presidente do Partido Popular, Pablo Casado, con membros do comité de empresa da fábrica.

Pontón dixo que a Alberto Núñez Feijóo deulle vergonza “acompañalo” nesa visita, porque “sabe que o Partido Popular tamén é responsable “da crise” que ameaza o futuro da fábrica de aluminio, que “non só é estratéxica para A Mariña“, senón para toda a provincia de Lugo.

A candidata nacionalista, na presentación da lista do BNG por Lugo, recordou que o Partido Popular “é corresponsable” da situación de Alcoa, porque “deseñou un marco enerxético” incapaz de responder ás necesidades da industria electrointensiva, mentres que o PSOE foi “incapaz de cambialo”, dado que presentou un “estatuto que é insuficiente“.

AFIRMA QUE AS EMPRESAS EN EUSKADI AFORRAN “60 MILLÓNS ANUAIS” POLA TARIFA ELÉCTRICA PROPIA

Ademais, Pontón responsabilizou desta situación ao PP e a Feijóo, porque “vetaron” a proposta do BNG para que houbese “unha tarifa eléctrica galega“.

“En Euskadi, os vascos teñen unha tarifa eléctrica propia?, engadiu, e as súas empresas afórranse uns “sesenta millóns de euros cada ano”, mentres que “Feijóo vetou a iniciativa do BNG” e, polo tanto, a posibilidade de “defender unha posición de país”.

“Nós podemos darlle solución á difícil situación de Alcoa”, dixo Pontón, “que ten futuro se acaban os gobernos sucursalistas en Galicia”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here