O comité de Alcoa cancela unha protesta e pide “responsabilidade” para evitar “a parada da producción”

A Xunta confirma catro casos de coronavirus na provincia de Lugo; dous teñen relación co primeiro caso rexistrado, en Foz

Un traballador de San Cibrao sostén unha bengala durante a protesta. EFE/CABALAR

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao emitiu este venres un comunicado no que informa da cancelación dunha manifestación aprobada en pleno para o vindeiro 3 de abril, que se ía celebrar en Santiago de Compostela, e na que pide aos traballadores do complexo industria de Cervo “responsabilidade” ante a emerxencia sanitaria do coronavirus, para evitar “unha parada da produción”.

Segundo expón o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, na protesta acordada para o vindeiro mes de abril, a fin de reclamar ao Goberno central un abaratamento da enerxía sen o que Alcoa ameaza con pechar a planta de aluminio primario de Cervo, estaba previsto que un percorrido desde a sé do PSdeG-PSOE á da Xunta de Galicia. A marcha cancélase a fin de evitar contaxios, aínda que si se continuará coa campaña de lazos de cor azul eléctrico nos Concellos, “pero en repartos individuais”.

O “PEOR ESCENARIO”

Sobre a situación laboral, o comité expón que “os casos de persoas infectadas trátanse como enfermidade común, aínda que como accidente laboral exclusivamente a efectos económicos”. Os sindicatos “pregan que se cumpran minuciosamente todas as medidas establecidas desde a empresa e Administracións sobre distancias, aforo e hixiene. Temos que protexernos e protexer aos nosos”, remarca.

“O seguro non cubre este tipo de risco, polo que nos atopamos no peor dos escenarios para afrontar unha parada da produción. Sexamos responsables e consecuentes coa situación”, conclúe o comité.

A CORUÑA, PRINCIPAL FOCO

Segundo informou Efe, Galicia rexistra nestes momentos 90 casos positivos de infección por coronavirus, cinco máis que os anunciados esta mañá polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, a maioría na área sanitaria da Coruña, con 43 afectados.

A Consellería de Sanidade informa nun comunicado a última hora desta mañá desta nova cifra de 90 positivos, deles catro na área de Lugo, dez na de Ourense, nove en Pontevedra e quince na de Vigo, oito na de Santiago de Compostela e un na de Ferrol, ademais dos 43 da Coruña.

Dos catro positivos confirmados en Lugo, dous teñen relación co primeiro, rexistrado en Foz; non así o cuarto, que foi confirmado nunha facultade da capital provincialO primeiro infectado da provincia permanece illado no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA); o segundo positivo foi o da súa muller, mentres que deu o terceiro unha persoa que ten relación con esta parella. As dúas últimas fican illadas nos seus domicilios.

Do total de pacientes positivos, seis permanecen en Unidade de Coidados Intensivos (UCI), vinte en unidades de hospitalización e 64 en domicilio.

A partir deste venres e debido ao cambio de protocolo introducido polo Ministerio, o Sergas informará dos casos de infección positivos realizados en Galicia. O número de probas realizadas polo Sergas ata actualidade é de 784.

RECOMENDACIÓNS

A Xunta reitera á cidadanía que empregue o número de teléfono 061 só para urxencias ou casos graves e o 900 400 116 para consultar dúbidas sobre o coronavirus.

De xeito xeral, aconsella extremar a hixiene de mans lavándoas frecuentemente, especialmente logo de tusir ou soarse. Tamén, evitar tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here