InicioEconomía(CORRECCIÓN) Continúa a produción en Alcoa á espera de que o Goberno...

(CORRECCIÓN) Continúa a produción en Alcoa á espera de que o Goberno concrete as condicións

Os sindicatos amosan a súa "incerteza" polo Real Decreto, que non inclúe ás electrointensivas entre as excepcións da normativa pero que si permite servizos mínimos onde sexa necesario

Publicada o

- Advertisement -

O Goberno central publicou no Boletín Oficial do Estado (BOE) a última hora deste domingo o Real Decreto a través do que paralizará a actividade nas empresas que prestan servizos “non esenciais” e aprobará un permiso retribuído recuperable para os traballadores destas firmas desde o 30 de marzo ata o 9 de abril.

O comité de empresa de Alcoa agarda que a fábrica de aluminio, ao igual que a de alúmina, “poida seguir funcionando”, aínda que o documento non se inclúe nun principio un epígrafe concreto para a industria electrointensiva, tal e como si facía o borrador publicado pola Cadena Ser ao longo da tarde deste domingo.

O documento si permite á industria afectada polo Real Decreto,  “de ser necesario, establecer o número mínimo do persoal ou as quendas de traballo estritamente imprescindibles para manter a actividade indispensable”.

Deste xeito, as 480 cubas de electrolise da planta de aluminio non terían que parar, o que suporía un dano “irreparable” segundo os traballadores, e os obreiros que tiñan que acudir o vindeiro luns aos seus postos de traballo farano igualmente.

Artigo do Real Decreto no que se regula a situación de empresas como Alcoa. AXM

NEGOCIACIÓN

O presidente do comité, José Antonio Zan, prevé que empresa e sindicatos “teremos que pactar uns servizos mínimos. Traballaremos co persoal habitual dunha fin de semana, buscando as áreas onde se necesita reforzo“. Con todo, a falta de concreción da normativa neste ámbito fai que os sindicatos reclamen ao Goberno central unha explicación sobre a situación de aluminio, con produción en continuo.

MANTEMENTO

“Para manter a produción necesitamos o persoal de quendas, a brigada de mantemento tamén, e de feito de luns a venres necesitaremos un reforzo, porque precisaremos dunha conservación non só de averías, senón tamén preventiva. Non se poden abandonar as instalacións. Igualmente, na parte produtiva pasa algo parecido. Cando negociamos unha folga non é o mesmo que se vaia facer un día que dous ou tres, porque non podemos deixar que se resinta o sistema produtivo”, argumenta.

Deste xeito, este luns todo o persoal citado con anterioridade á aprobación da normativa “irá a traballar. Iremos aos nosos postos, sentaremos á mesa e decidiremos quen ten que quedarse para uns hipotéticos servizos mínimos por coronavirus”, concreta.

AS AUXILIARES, Á ESPERA

Os traballadores das empresas auxiliares de Alcoa están tamén chamados a traballar o vindeiro luns, segundo confirmou o voceiro da coordinadora dos sindicatos destas firmas, Quique Rocha. O volume de traballo para elas dependerá do resultado das negociacións dos servizos mínimos.

“SEN POSITIVOS”

No tocante á pandemia, Zan sostén que polo momento “en Alcoa non temos ningún positivo. Algún chegará, porque non estamos exentos do que pasa na sociedade, pero do que se trata é de minimizar ata o máximo os riscos. Poñer en corentena aos traballadores que poidesen ter contacto con algún infectado. As nosas medidas preventivas están por riba das do Estado”, conclúe.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...