InicioEconomíaO persoal de Sargadelos debatirá o 11 de setembro a destitución da...

O persoal de Sargadelos debatirá o 11 de setembro a destitución da delegada de UXT

A dirección impediu á sindicalista incorporarse este luns á planta, na que non houbo despedimentos

Publicada o

- Advertisement -

As 74 obreiras da fábrica de cerámica de Sargadelos en Cervo están chamadas a votar o vindeiro 11 de setembro, na asemblea que decidirá se a representante da Unión Xeral de Traballadores (UXT), Rogelia Mariña, continúa como delegada do sindicato na factoría.

Logo de que un grupo de operarias presentaran un documento apoiado por 48 compañeiras na Xefatura Territorial de Lugo do Servizo de Emprego, o cadro de persoal de Sargadelos obtivo o permiso para a celebración da asemblea, que será ás 15.00 horas do martes 11 de setembro. O único punto da orde do día será a destitución de Mariña, que continúa de permiso retribuído a iniciativa da empresa. A traballadora debía incorporarse este luns ás súas tarefas pero a dirección non lle permitiu facelo.

a empresa AMPLIOU o permiso retribuído da sindicalista, que debía incorporarse este luns ao traballo

O pasado 17 de agosto, a dirección de Sargadelos puxo a figura da sindicalista no ollo do furacán ao anunciar 49 despedimentos se non cesaba “a presión sindical” sobre a firma.

O conselleiro delegado do grupo empresarial, Segismundo García, denunciou que Mariña “ameazara” con impugnar os contratos laborais das operarias que entraron no último ano e medio por incumprimento da lexislación laboral, unha circunstancia que o propio dirixente admitiu nun comunicado. Desde a UXT insistiron en que non había nada interposto” contra a empresa. Desde entón, Sargadelos cesou a 19 persoas, aínda que neste luns non houbo cesamentos.

a uxt mantén a solicitude da tutela xudicial, aínda que resalta que “estamos listos para falar se a empresa nos chama”

Mentres o cadro de persoal discutirá en quince días a destitución de Mariña, a UXT mantén a solicitude da tutela xudicial para o conflito laboral, logo do fracaso da primeira xuntanza entre o sindicato e a dirección da empresa. Eladio Quelle, secretario de UXT-FICA (Federación de Industria, Construción e Agro) na Mariña Lucense, sinala que non hai previsión de novas reunións, aínda que destaca que “estamos listos para dialogar cando a empresa nos chame”.

REPRESENTACIÓN SINDICAL

Na actualidade forman a representación sindical na fábrica unha delegada de UXT e outra de Comisións Obreiras (CC OO). Trala prexubilación dun sindicalista da UXT, falta cumprir un trámite administrativo que permitiría á seguinte traballadora máis votada nas últimas eleccións, de CC OO, exercer o seu cargo.

PINTADAS

A fábrica de Sargadelos amenceu o pasado domingo con pintadas anónimas no acceso á factoría. “O traballo faravos libres”, a inscrición de entrada dos campos de exterminio nazis, ou “Vivan as cadeas”, foron os lemas inscritos na estrada, ademais dun “80%” que semella aludir ao porcentaxe do cadro de persoal que secundou a primeira recollida de sinaturas para forzar a demisión de Mariña, un documento que a UXT atribuíu ao conselleiro delegado.

Pintada nun dos accesos á planta de Sargadelos. AXM

OPERARIAS CRITICARON AS PINTADAS ANÓNIMAS CONTRA O SECTOR DO CADRO DE PERSOAL QUE APOIA Á EMPRESA

As operarias reiteran que “non hai coaccións por parte da dirección” e consideran “lamentables” as pintadas. “Parécenos unha postura infantil, con independencia de que nos apoiasen a nós ou ao sindicato que mantén o enfrontamento coa empresa”, aseguran.

BNG E EN MAREA SINALAN A GARCÍA

O BNG de Cervo acusou ao conselleiro delegado de “destruír o prestixio internacional de Sargadelos” e insta aos poderes públicos e ao goberno municipal a “non caer na confusión creada polo conselleiro delegado para, aparentemente, pechar a fábrica”.

Pola súa banda, a parlamentaria de En Marea, Paula Vázquez Verao, criticou a García por “xogar co emprego dos traballadores e co legado de Sargadelos” e instou á “Xunta de Galicia, que ten competencias para exercer de mediadora a través do Consello Galego de Relacións Laborais”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...