InicioEconomíaAlcoa prevé perder "entre cinco e sete cubas" ao mes e as...

Alcoa prevé perder “entre cinco e sete cubas” ao mes e as auxiliares estiman en 50 os obreiros afectados

Reymogasa, Cyrgasa e Rodabell son as principais empresas implicadas na decisión da multinacional, que non reactivará a maquinaria de electrolise que chegue á fin da súa vida útil

Publicada o

- Advertisement -

O anuncio por parte da dirección de Alcoa de que renuncia, en principio “temporalmente”, a rebrascar as cubas de electrolise -a tarefa que permite reconstruír esta maquinaria unha vez remata a súa vida útil, a fin de poder rearrincala e retomar a produción- na planta de aluminio de San Cibrao caeu como un xarro de auga fría no complexo industrial de Cervo e principalmente nas empresas auxiliares. Os sindicatos das firmas contratistas prevén que a medida supoña arredor de 50 despedimentos ou Expedientes de Regulamento de Emprego (Ertes) en Reymogasa, Cyrgasa e Rodabell.

“Aluminio vai deixar temporalmente de rebrascar cubas, que non se van reactivar, e deixará de poñer en marcha cubas novas”, explican fontes da multinacional. Tampouco se poñerán en marcha as apagadas anteriormente, 32 o pasado verán, como parte dun recorte na produción. “Farémolo de tal maneira que impacte o menos posible na actividade da fábrica”, sinala a empresa radicada en Pittsburgh. Polo tanto, non se parará a maquinaria de electrolise abruptamente, pero non se fará na máis vella o mantemento que se realizaba a fin de rexenerala. Deste xeito, quedará en desuso.

das 512 cubas de electrolise de san cibrao, permanecen operativas 474

A planta de aluminio de San Cibrao ten en funcionamento 474 cubas de electrolise, unha maquinaria que segundo Alcoa conta cunha vida útil “de entre un e dous anos”. Alcoa prevé que neste proceso se perdan “entre cinco e sete” mensuais. Isto significaría que, tendo en conta o recorte anteriormente mencionado e outros realizados con anterioridade, das 512 cubas que hai na factoría, a final de ano poderían ficar apagadas unhas 90, aproximadamente o 17,6% do total.

SEN PREVISIÓN DE PRAZOS

Alcoa fala dunha situación “temporal” en función “da evolución do mercado”, polo que non concreta canto durará este recorte produtivo.

alcoa non concreta canto pode durar a medida, que de continuar ata final de ano suporía ter paradas 90 cubas

OS ETT, TAMÉN NO ARAME

A multinacional sostén que a medida non vai supoñer despedimentos entre o persoal de Alcoa San Cibrao -arredor de 1.200 empregos-, pero “si que se vai reducir o número de contratistas“. Ademais, engade, “revisarase a necesidade de empregos temporais“.

MANTEMENTO

Preguntadas pola redución do mantemento “ao imprescindible” anunciada por Alcoa, as mesmas fontes non concretaron en que consistirán as medidas nin se afectarán aos postos de traballo.

o mantemento reducirase “ao imprescindible”, pero a multinacional non concreta en que medida e se afectará ao emprego

A MULTINACIONAL APELA Á CAÍDA DA DEMANDA E DO PREZO DO ALUMINIO

Despois de anunciar onte mesmo o peche dunha planta de fundición en Washington, Alcoa afirma que “toda a compañía está a aplicar medidas para facer fronte á crise derivada do coronavirus“. A multinacional sostén que estas decisións van encamiñadas “a axudar á empresa a recesión económica que causou a pandemia”.

Deste xeito, e malia que anunciara un plan de axuste que incluía o peche de plantas, a multinacional enmarca a medida nun contexto global que atribúe á emerxencia sanitaria. “O Covid-19 está a xerar un gran impacto pola caída da demanda do aluminio, e tamén polo baixo prezo do metal, que no London Metal Exchange (LME) está por debaixo dos 1.500 dólares/tonelada e que caeu un 20% no que vai de ano”.

alcoa vén de anunciar o peche dunha planta de función en washington que daba emprego a 700 persoas

A BAIXADA DA LUZ “NON COMPENSA” A SITUACIÓN DO MERCADO

Neste contexto, tamén caeu ostensiblemente -ata alcanzar os 27,72 euros/megavatio/hora no pasado mes de marzo- o prezo da enerxía eléctrica, o principal talón de Aquiles da planta de aluminio sancibrense segundo Alcoa, que ameazou en diversas ocasións con pechar a factoría de non haber un abaratamento da electricidade para as grandes consumidoras. Son valores moi por debaixo dos reclamados pola multinacional, que con todo argumenta que o custo da luz “non amortigua” a “incerta situación do mercado”.

Neste sentido, Alcoa remarca que a previsión en San Cibrao é perder “56 millóns de dólares” no referente á planta de aluminio. Preguntadas pola factoría de alúmina, as fontes da multinacional non cuantifican un prognóstico, limitándose a sinalar que “tamén está en perdas”.

O COMITÉ: “SÓ É XUSTIFICABLE A MOI CURTO PRAZO”

O presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan (CC OO), considera que a situación é “moi difícil“, malia que, afirma, “coa consideración de esencial por parte do Goberno que nos permitiu seguir traballando salvamos un match ball, porque o contrario sería probablemente o peche“.

o comité cre que a consideración de “esencial” salvou a fábrica do peche

Malia isto, “agora temos outro problema, o do mercado internacional, que si é certo que teñen todas as fábricas a nivel mundial. Agardemos que entren canto antes os apoios á economía e se normalice a situación, e tamén que o Goberno garanta o marco enerxético estable que vimos demandando”, apunta. “Para iso necesitamos que a Unión Europea ofreza un respaldo decidido á industria e ao consumo”, sinalou.

“Esta situación só pode ser xustificable a moi curto prazo“, continuou Zan, “pero somos conscientes de que o mercado agora mesmo está esgotado. Necesitamos que fábricas que traballan para a construción, por exemplo, se volvan reactivar, porque senón o alcance da crise pode ser dramático e irreversible”, xulgou.

“Agardemos que esta situación afecte ao menor número de contratistas posible e durante o menor tempo posible, e poidamos falar de rearrincar cubas e non de deixalas pararse”, indicou o sindicalista.

A CIG: “ALCOA COMEZA A DEIXAR MORRER A FÁBRICA”

Pola súa banda, o sindicato CIG emitiu un comunicado no que asegurou que “Alcoa comeza a deixar morrer a fábrica”. Segundo o sindicato nacionalista, para o que as medidas anunciadas “non poden ser máis negativas”, o recorte de persoal nas empresas auxiliares é un preludio de despedimentos na propia fábrica, dado que “de non cambiar a decisión, afectaranos nun futuro inmediato”.

a cig ve a decisión como un preludio de despedimentos no complexo industrial

A central sindical nacionalista esixiu a Alcoa que “devolva o compromiso e o apoio mostrado tanto polos traballadores como polos veciños da comarca nas recentes mobilizacións pola enerxía“.

A COORDINADORA DAS CONTRATISTAS VE “UN RECORTE PRODUTIVO ENCUBERTO”

Dende a coordinadora das auxiliares de Alcoa San Cibrao, que reúne a representación sindical nunhas 20 empresas -arredor dun milleiro de empregos-, sinalan que polo de agora “non hai ningunha firma que falase polo momento de despedimentos ou Ertes pero si se nos comunicou que Alcoa anunciou que renuncia a rebrascar as cubas, o que suporá que haxa que reestruturar o persoal“, explica Quique Rocha, voceiro da plataforma.

Principalmente, concreta Rocha, “as principais empresas implicadas nestes procesos son Reymogasa, a máis involucrada, e tamén Cyrgasa e Rodabell. Entre as tres podemos falar, de momento, duns 50 obreiros que ven os seus empregos en perigo e que os poden ver perdidos”, sinala.

os sindicatos das auxiliares piden a alcoa e ás empresas “un compromiso social” cos obreiros “e coa comarca”

No tocante a posibles recortes no mantemento, o sindicalista concreta que por mor do coronavirus nas últimas semanas “paralizáronse actuacións ou obras novas ou melloras de equipos”, pero que no esencial “non se modificou nada neste ámbito”. Neste sentido, lembra que cando o Goberno decretou o permiso retribuído recuperable “fomos considerados esenciais e esperamos seguir sendo así considerados. Veremos se é así”, zanxa.

SOLICITA A ALCOA E ÁS AUXILIARES RECOLOCAR O PERSOAL

O colectivo amosa unha “fonda preocupación” polo que entende como “un recorte produtivo encuberto“, e que “parece amosar que botamos a andar cara o desmantelamento da factoría. O anuncio de parada de cubas, cando chegan o fin do ciclo de vida útil, parece unha mostra de desinterese de voltar a poñelas en funcionamento en canto o mercado mundial se reactive”, manifesta, para reivindicar que “Alcoa debe ser clara ante cales son as intencións e cal é o plan de futuro da factoría”.

O persoal das auxiliares lembra que “dixemos que o noso principal medo é que á mínima que chegase un golpe mal dado os primeiros en ver cortado o seu pescozo seriamos nós, e por desgraza non fai falta seguir argumentando esa posición”.

Deste xeito, reclama a Alcoa “un compromiso social coa comarca, que arrimou o ombreiro solicitando unha tarifa eléctrica estable, e co emprego” para que “ningún traballador vexa eliminado o seu posto de traballo e os afectados sexan recolocados noutras actividades dentro da factoría. Ou, como mínimo, o compromiso en que ningún traballador verá reducida a súa capacidade adquisitiva“, indica a plataforma.

a coordinadora reclama ao comité de empresa “un posicionamento claro” respecto do conflito laboral

Finalmente, a coordinadora pide ao comité de Alcoa “que se posicione claramente” no conflito laboral e “faga súa as nosas reivindicacións, ao igual que fixemos nós”.

POSIBLES ACTOS DE PROTESTA DEPENDEN DO ESTADO DE ALARMA

No tocante a posibles actos de protesta, nun contexto de estado de alarma que limita os movementos das persoas e a posibilidade de reunirse presencialmente, Rocha asegura que “estamos preguntando aos servizos xurídicos que podemos facer, porque obviamente as manifestacións están descartadas. Non sabemos ata onde se nos permite actuar, pero estaremos aí para defender os postos de traballo”.

INICIATIVA DO PP PROVINCIAL

Esta mañá, antes de transcender o recorte, o PP anunciou que presentará unha iniciativa na Deputación, co fin de que esta institución se dirixida a dirección de Alcoa para expoñer a necesidade de que se manteña a práctica habitual en relación coa incorporación do persoal contratado por medio de ETT.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...