InicioEconomíaOs obreiros temen un maior impacto no emprego das auxiliares de Alcoa...

Os obreiros temen un maior impacto no emprego das auxiliares de Alcoa ao perder “unha facturación fixa”

Os sindicatos cren que a perda do contrato para reparar cubas, que daba estabilidade a Reymogasa ou Cyrgasa, pode afectar non só aos operarios implicados senón ao resto do persoal

Publicada o

- Advertisement -

A decisión de Alcoa de renunciar a reparar as cubas de electrolise da planta de aluminio de San Cibrao unha vez cheguen á fin da súa vida útil pode resultar un duro golpe para varias das empresas auxiliares que realizan as tarefas de rebrascaxe e outras relacionadas na mesma factoría. A importancia destas labores na facturación dalgunhas contratistas é tal que os sindicatos temen que a medida, que segundo expuxeron fontes sindicais podería comezar a aplicarse o primeiro de maio, non impacte só aos obreiros que desenvolven estes traballos –uns 50 empregados-, senón ao global do persoal.

Entre as empresas auxiliares que poderían verse máis afectadas está Reymogasa, que sae dun proceso arduo de subrogación dos traballadores que facían as tarefas de mantemento mecánico no departamento de dixestión de alúmina. Uns 65 obreiros da firma traballan hoxe para a substituta nestas labores, Dominion I & I, de xeito que o persoal de reduciuse “a entre 70 e 75 operarios“, segundo precisan fontes do sindicato maioritario do comité, CC OO.

EN REYMOGASA, ARREDOR DE 25 EMPREGADOS IMPLICADOS

Desa cifra, unhas 25 persoas poderían verse afectadas pola medida. “Nas tarefas de cambio de cubas hai dous equipos de catro empregados e despois outros doce traballadores no taller exterior, que reparan estruturas e pezas, aínda que tamén habería que incluír a persoal de seguridade e chóferes”, expoñen as mesmas fontes.

“A nós aféctanos bastante porque eses traballos supoñen a nosa parte de facturación meirande. Despois de facer a subrogación de Dominion quedamos soamente en aluminio e onde máis facturamos é no cambio de cubas e no taller exterior”, remarca.

“O cambio de cubas é o contrato que máis gasto xera para Alcoa e tamén a facturación meirande para as contratistas”, apunta.

“o cambio de cubas é o gasto maior de alcoa coas auxiliares, e tamén por iso a nosa maior facturación”, din desde reymogasa

O MANTEMENTO, OUTRA DAS CUESTIÓNS QUE PREOCUPA

En Reymogasa preocupa a que se refire a empresa coa súa intención de reducir “ao mínimo imprescindible” as tarefas de mantemento, pola posible afectación -de haber recortes nese ámbito- a outros empregados.

Con todo, a cuantificación que fan os sindicatos do impacto no emprego son polo de agora cábalas, porque “nós aínda non tivemos ningún comunicado oficial por parte da nosa empresa”, subliña.

O anuncio, con todo, sumiu na incerteza ao persoal, que respiraba despois da declaración da actividade de Alcoa como esencial, o que permitía seguir coa produción ao 100%. “Pensabamos aguantar ben ata o verán, cando veñen as vacacións, porque había dúas ou tres obras importantes a facer a partir de maio. Pero agora a xente está intranquila”, resume este sindicalista, para concluír que “o que se nos transmite é que non hai pedidos de aluminio”.

EN CYRGASA, TRECE OBREIROS AFECTADOS

En Cyrgasa, segundo concreta o presidente do comité, Diego Fernández (CIG), “habería unhas 13 persoas afectadas no que son as tarefas de brascaxe, que fan o seu traballo en continuo“. Con todo, o sindicalista remarca que se trata “dun contrato de facturación que levamos tendo desde o inicio do complexo industrial de San Cibrao, uns 40 anos, que chegou a implicar a 18 traballadores hai unha década”.

CYRGASA LEVABA DESENVOLVENDO ESTES TRABALLOS DESDE O INICIO DA ACTIVIDADE DA FÁBRICA, 40 ANOS ATRÁS

Polo tanto, fai fincapé en que o recorte podería afectar non só a eses 13 traballadores, senón a varios máis dos arredor de 95 empregados da auxiliar. “Temos xente eventual e non sabemos que pode ocorrer; non se trata só dos implicados directamente, senón que falamos dunha caída na facturación que pode tocar ao resto, ou alomenos iso é o que tememos desde o comité de empresa”, remarca.

O recorte “é moi significativo porque Cyrgasa sabía que todos os meses ía ter ese contrato, non é coma outros que son intermitentes ao longo do ano”, concreta.

Polo de agora, o organismo de representación do persoal mantivo conversas informais coa dirección, que tampouco neste caso fixo unha comunicación oficial ao respecto. “Non temos unha proposta sobre a mesa, non sabemos se se aplicará un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (Erte) de forza maior, de produción, negociable cunha redución de xornada ou que decidirá a dirección”, indica Fernández.

“antes sabiamos que iamos ter ese contrato todos os meses. agora cambia todo”, resalta o comité de cyrgasa

INCERTEZA POLA FALTA DE PRAZOS

O sindicalista quere saber “canto tempo durará este parón do arranxo das cubas”, porque un período curto “facilitaría a posibilidade de negociar coa empresa, dado que as vacacións están preto”. Pero esta cuestión tamén permanece no aire, en tanto en canto Alcoa non concreta prazos, “e non sabemos se é algo temporal ou un primeiro paso de desmantelar a fábrica, que nos parece o máis probable”.

Para reflectir o sentir do persoal, “incerteza” é a palabra elexida por Fernández, que resalta que tralo conflito polo prezo da electricidade, que polo de agora non se traducira en despedimentos aínda que si na parada de 32 cubas, “agora hai feitos sobre a mesa. Por agora tócalle aos de brascaxe, pero mañá pode tocar á xente dos andamios, do porto… A tarifa eléctrica baixou moito pero tómanse medidas igual. A confusión é absoluta”, indica, para asegurar que “tememos que nos van ir quitando traballo ás auxiliares pouco a pouco“.

CONFLITO LABORAL EN PLENO ESTADO DE ALARMA

O momento no que Alcoa, en pleno estado de alarma, anunciou esta decisión tamén xera confusión sobre as posibles medidas que poidan levar a cabo os sindicatos para opoñerse á medida. “Falando cos servizos xurídicos, dinnos que podemos facer actividade sindical, pero en concentracións que non superen as 20 persoas. Si podemos facer folga e calados non imos estar”, expón Fernández.

O BNG RECLAMA Á XUNTA QUE GARANTA O EMPREGO

O Bloque Nacionalista Galego (BNG), traslada o “apoio inequívoco” do partido frontista aos traballadores afectados e a todo o cadro de persoal e reclama “unha resposta política inequívoca esixindo o compromiso de mantemento dos postos de traballo en Alcoa e auxiliares”.

Ermida sinala que “a situación puntual que poida estarse dando no mercado do aluminio non pode ser desculpa para parar a producción da planta de San Cibrao e non realizar as labores necesarias para a súa posta en funcionamento no momento en que o mercado volva á normalidade”.

OS NACIONALISTAS CREN QUE “A SITUACIÓN PUNTUAL” DO ALUMINIO “NON É EXCUSA” PARA APLICAR O RECORTE

Por iso, a Xunta de Galicia “debe garantir coa empresa o mantemento dos postos de traballo que agora non están na picota por unha decisión dependente do goberno do estado, senón por unha decisión empresarial que afecta ao cadro de persoal”, sostén a formación frontista.

INSTA AOS REPRESENTANTES INSTITUCIONAIS DO PP A POSICIONARSE

“Agora mesmo hai evidencias de postos de traballo en risco de perderse, polo que é o momento de demandar a reciprocidade da empresa coa resposta que obtivo a nivel social e institucional. Debe demostrar polo tanto a Xunta de Galicia e o Partido Popular, nomeadamente aos representantes municipais que nos últimos tempos lideraron as reclamacións ante o goberno central, que a súa preocupación real son os postos de traballo e non a súa utilización para unha loita política”, conclúe Ermida.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...