O comité de Reymogasa someterá á decisión da asemblea a última proposta da empresa

Sindicatos e empresa sentarán á mesa este mércores, cando comezará o período de consultas do Erte en Cyrgasa, que afectaría en principio a 13 obreiros ata o 31 de decembro

Protesta dos traballadores de Reymogasa. AXM

As negociacións do Expediente de Regulación Temporal de Emprego (Erte) en Reymogasa provocado pola decisión de Alcoa de renunciar á brascaxe das cubas de electrolise rematarán previsiblemente mañá mércores, mentres que o período de consultas en Cyrgasa comezará ese mesmo día. Un total de 46 traballadores son en principio os afectados pola paralización do cambio da maquinaria.

Este martes, o comité de Reymogasa tivo a segunda reunión coa dirección do período de consultas do Erte. Segundo explican fontes do organismo de representación dos traballadores, o vindeiro mércores presentarase unha proposta á asemblea do persoal para sometela a votación, e pola tarde manterase unha nova xuntanza coa empresa para tentar chegar a un acordo.

A FIRMA PROPUÑA A SUSPENSIÓN DE 33 EMPREGOS ATA O 31 DE DECEMBRO

“A empresa expuxo que a anulación do contrato supón a perda de moito diñeiro, dunha  facturación fixa, e que a súa situación é delicada”, indican desde o comité. A proposta inicial da empresa era a suspensión dos contratos de 33 traballadores ata o 31 de decembro deste 2020.

Os sindicatos non aceptaron esta proposición e fixeron unha contraproposta, cuxas condicións Reymogasa admitiu en parte. O comité exporá os puntos da última oferta da empresa ao persoal para que os valide ou rexeite antes de presentarse de novo na mesa.

O comité lamenta que os prazos recollidos na normativa dificultan a toma dunha decisión “posto que se non chegamos a un acordo mañá a empresa ten por lei a potestade de presentar o Erte como estime”.

POSIBLE AFECTACIÓN A OUTRAS AUXILIARES

Os representantes dos 75 obreiros de Reymogasa temen que os recortes no emprego se espallen por outras empresas auxiliares de Alcoa. Rodabell, a terceira empresa implicada nas tarefas de brascaxe, aprobou un calendario rotativo de vacacións para non realizar un Erte, que tería afectado a oito traballadores. “Todo depende das decisións de Alcoa e nós somos, ademais de dependentes delas, o eslabón máis feble da cadea”, lamentan.

EN CYRGASA, SETE DÍAS PARA NEGOCIAR

En Cyrgasa, segundo concretou o presidente do comité, Diego Fernández, a empresa presentou un Erte por razóns produtivas e económicas que suporía a suspensión de 13 dos 96 postos de traballo ata como máximo o vindeiro 31 de decembro, de xeito que os obreiros se poidan reincorporar se finalmente a medida de Alcoa é “temporal”, como resaltou a multinacional.

A primeira reunión do período de consultas, que terá unha duración máxima de sete días, será o vindeiro mércores, coa intención do comité de “salvagardar todos os postos de traballo”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here