O comité de Alcoa reclama ao Goberno unha poxa de interrompibilidade similar ás do 2018

Tras entrevistarse coa Xunta, os sindicatos reclaman "inmediatamente" unha subasta para "subsistir" como sector mentres non se aproba o estatuto das electrointensivas

Manifestación en Viveiro polo futuro de Alcoa. CIG

O comité de Alcoa San Cibrao insta ao Goberno central a convocar “de forma inmediata” e “para poder subsistir como sector produtivo”, unha subasta de interrompibilidade cos mesmos valores de 2018, mentres non se aproba o estatuto do consumidor electrointensivo, reclamado pola multinacional, os sindicatos e a Xunta de Galicia para dotar “dun marco enerxético estable” á planta de aluminio, que está ameazada de peche pola compañía estadounidense e onde xa non se realizan tarefas de brascaxe, o que supuxo a presentación de Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (Ertes) nas auxiliares Reymogasa e Cyrgasa.

Así o solicitou o comité do complexo industrial sancibrense nun comunicado de prensa despois de manter unha reunión telemática co presidente do Goberno autonómico, Alberto Núñez Feijóo, e o conselleiro de Industria, Francisco Conde, entre outros cargos do Executivo galego. Na entrevista, explican os sindicatos, “reiterouse a necesidade de dotar á industria hiperelectrointensiva dun prezo competitivo e estable coma no resto dos países de Europa”, unha situación que “dada a problemática xurdida a raíz do Covid-19, é máis necesario ca nunca”.

PERDA DE PESO DA SUBASTA

A poxa de interrompibilidade foi ao longo dos últimos anos un controvertido mecanismo utilizado para abaratar o prezo da luz ás empresas grandes consumidoras. O Goberno central adoptou en decembro cambios na subasta para o primeiro semestre de 2020, reducindo considerablemente a cantidade de potencia interrompible a ofrecer e fragmentando tamén os lotes da mesma, o que prexudicou a Alcoa, que cifrou a caída nos ingresos “nun 90%”.

A limitación deste servizo foi iniciada polo Goberno meses atrás, cunha subasta para o segundo semestre de 2019 que se caracterizou polos baixos prezos de partida e pola caída dun 40% na cantidade destinada, o que non deixou satisfeita á multinacional.

CO2

As centrais de Alcoa San Cibrao reclaman tamén que se licite o valor máximo permitido pola Unión Europea (UE) no tocante ás compensacións por emisións indirectas de gases de efecto invernadoiro (CO2). Os sindicatos lamentan que “seguimos sen resposta” do Goberno central “ás dúas peticións formuladas para a apertura da mesa multisectorial de Alcoa San Cibrao”.

Reunión telemática entre a Xunta e os sindicatos de Alcoa. AXM

PLAN DE VIABILIDADE

Finalmente, asegura o comité, “a Xunta comprometeuse a entregar nos Ministerios de Industria e Transición Ecolóxica un escrito que reflicta as medidas” que os sindicatos consideran “necesarias para dar viabilidade ao sector da industria hiperelectrointensiva durante a actual crise”, ademais de “a continuar reclamando un marco estable e competitivo para o sector”, a condición de que as empresas “presenten un plan de viabilidade e de mantemento dos postos de traballo“.

A XUNTA FALA DE “SITUACIÓN LÍMITE”

Noutro comunicado de prensa, o conselleiro de Industria falou de “situación límite” para Alcoa San Cibrao, e solicitou que o Goberno aborde, xunto ás centrais sindicais e os empresarios, a situación da industria electrointensiva na mesa do diálogo social, incluíndoa nas súas prioridades para que poida haber “unha solución inmediata para Alcoa San Cibrao”, ligando a importancia do sector “ao doutros sectores produtivos como o turismo e o comercio“.

“Se non hai unha rectificación, estaremos ante un proceso de desmantelamento da industria do aluminio” en Galicia e tamén en España, xulgou Conde.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here