A transformación da madeira fraquea na Mariña: Hermida negocia un ERE extintivo e Costiña entra en concurso

Dúas empresas emblemáticas do sector buscan a venda para sobrevivir; na moblería de Lourenzá suprimiranse 88 empregos e no aserradoiro de Alfoz suspendéronse 65

Nave de Muebles Hermida. GOOGLE MAPS

A transformación da madeira languidece na Mariña Lucense. Empresas emblemáticas tanto da primeira industria madereira, como o aserradoiro de Alfoz Costiña, como da segunda fase, a moblería de Lourenzá Muebles Hermida, atópanse nunha situación delicada. A primeira entrou en concurso de acredores e presentou un Expediente de Regulamento Temporal de Emprego (Erte) produtivo. Na segunda, trala entrada en liquidación, sindicatos e administrador concursal negocian un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) extintivo.

ESTE VENRES, REUNIÓN EN HERMIDA

Este venres, a representación sindical dos obreiros e o administrador concursal de Muebles Hermida, Javier Reigosa, retomarán a negociación para a sinatura do ERE de extinción na moblería laurentina, que suporía a supresión de 88 empregos. Cinco dos traballadores desvinculáronse da empresa ao seren resoltos pleitos xudiciais, entre eles representantes do comité de empresa, o que motivou as críticas da UGT.

O administrador concursal solicitara a fase de liquidación, que derivou na correspondente disolución da empresa, como a única forma de atraer un comprador, ante o elevado importe de débeda que acumula a firma.

PETICIÓN DE RESCATAR TRABALLADORES SE HAI COMPRA

Segundo precisan fontes da CIG, as conversas do ERE céntranse en, por un lado, que no plan de liquidación quede unha bolsa de emprego para que, no caso de que se produza unha venda, a nova dirección teña que contratar persoal que proceda da moblería laurentina. “Queremos compromiso escrito de que o 80% dos traballadores que entren sexan da fábrica, se ben é certo que as empresas que se foron interesando ao longo dos últimos meses teñen previsións de empregar entre 25 e 60 obreiros, dependendo da firma, e que todas quererán tirar de xente da súa confianza”, admiten.

No tocante á vixencia da bolsa de emprego, negóciase que teña unha vixencia de 18 meses. Os traballadores que entren a traballar se finalmente hai quen compre Muebles Hermida farano sen antigüidade e o comprador tería liberdade para elixir os empregados que queira, en función do perfil que precise.

INDEMNIZACIÓNS

Outro dos puntos a negociar son as indemnizacións. “Pretendemos que se inclúa unha cláusula que estipule que, de aparecer comprador, unha parte da oferta que presente sexa para aumentar a compensación aos traballadores. Parécenos de xustiza porque hai obreiros que levan 30 anos e irse co mínimo que establece a lei non é moi defendible”, sinalan. Así, o comité solicita “aumentala a 25 días con 13 mensualidades“, sen acordo polo momento. Outra opción é delimitar unha cantidade fixa e repartir entre o persoal atendendo ao criterio da antigüidade.

Os traballadores teñen pendente de cobro, ao ir contra a masa, o mes de xaneiro. A compensación que lles corresponda por lei deberá cobrarse polo Fondo de Garantía Salarial (Fogasa), que xa aboou catro mensualidades ante a situación de insolvencia da empresa.

NAS MANS DE ABANCA

No tocante á situación de Muebles Hermida, as fontes consultadas sinalan que o maior acredor é Abanca, que “terá a última palabra de aparecer unha oferta concreta. A alternativa será que se quede coas instalacións, o que parece pouco viable; se coas máquinas funcionando non se atopa comprador, canto máis tempo pase menos lucrativas serán”, explican.

“O que nos transmite o administrador concursal é que a solución pasa por un cambio de titularidade da mesma, no 99% dos casos o comprador aparece cando o comprador está en liquidación e sen traballadores, pois ninguén quere asumir esa carga”, apuntan, para engadir que “estásenos a falar como referente de Tablicia, que se liquidou, que si puido vender e na que oito anos despois boa parte do persoal está traballando“.

Muebles Hermida chegou a contar con 225 empregados e 24 millóns de facturación anual, situándose entre os dez primeiros fabricantes de mobles de fogar a nivel español. Foi fundada en 1955, seguindo un taller de ebanistería familiar do 1915. Nas últimas décadas iniciou o seu declive e no 2011 acolleuse a un Erte que supuxo 75 despedimentos. A empresa foi un referente socioeconómico para o municipio de Lourenzá e para o interior da Mariña Lucense.

COSTIÑA APLICA UN ERTE Á TOTALIDADE DO PERSOAL

En Costiña, a empresa entrou o concurso voluntario de acredores e xa se nomeou administrador concursal, que o pasado luns tivo unha primeira toma de contacto cos sindicatos. Finalmente, e despois de que a Consellería de Economía rexeitase un Erte de forza maior, aprobouse un novo Erte produtivo, que suporá a suspensión dos contratos de 65 traballadores, incluídos dez operarios de Avilés. Anteriormente plantexarase un por quendas.

A medida é, con todo, un pouco de osíxeno para boa parte do persoal, dado que boa parte do persoal permanecía nun limbo. Máis da metade dos empregados quedaran fóra da primeira quenda de aplicación do anterior Erte, de catro meses, de xeito que non podían traballar -pola situación de Costiña e polo peche de clientes por mor do estado de alarma- nin tampouco solicitar o paro. Así, acumulaban catro meses sen ingresos. Un total de 21 operarios poidera alomenos solicitar a prestación, a costa de gastala.

TRES E CATRO NÓMINAS PENDENTES

Os obreiros que permanecían en nómina entraron no segundo Erte, asinado o 10 de maio, e recibiron o mes de marzo, concreta Afonso Losada, da delegación provincial de construción e madeira da CIG. Deste xeito, actualmente adebédaselles “un total de tres meses e dez días“. Neste expediente entrou todo o persoal, agás tres empregados, un administrativo e dous vixilantes das instalacións, polo que en Costiña non hai xa actividade.

Os obreiros solicitarán o cobro dos meses adebedados ao Fogasa, tres ou catro en función da afectación do Erte, coa intención de poder recibir os primeiros ingresos “no mes de xuño“, indica Losada. O administrador terá un prazo dun mes para recibir as notificacións de débedas e outro para presentar o informe concursal pertinente.

O concurso e a aprobación dun segundo Erte dá así “un horizonte temporal” ao persoal “sobre o que podemos ter a expectativa de cobrar algo”, sinala Losada. A única solución, como en Muebles Hermida, semella unha venda.

ANOS ARRASTRANDO PROBLEMAS

“O certo é que son dúas empresas emblemáticas neste sector“, lamenta Losada. “Costiña na fase primaria, de aserrar, facer táboa e embalaxe, cunha parte forestal tamén de venda e produción, e Hermida na parte do moble”. Semella o ocaso na Mariña Lucense da transformación de madeira, unha industria que a nivel galego “non está a ser das máis castigadas pola pandemia, porque estase a traballar intensamente”, admite.

“Ambas viñan arrastrando problemas graves. No caso de Costiña, vén de 2010 e 2011, é unha cuestión financieira, e no caso de Hermida foron consecuencias dun investimento potente que se fixo na nave, no peor momento posible, na crise de 2008″, xulga.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here