InicioEconomíaPreocupación na Mariña ao asegurar a SER que Alcoa anunciará mañá o...

Preocupación na Mariña ao asegurar a SER que Alcoa anunciará mañá o peche de aluminio

Dirección e comité reuniranse este xoves en Lugo para, segundo a multinacional, abordar "medidas, entre elas laborais", ante a situación "insostible" da planta

Publicada o

- Advertisement -

A Cadena Ser publicou esta noite que Alcoa anunciará este xoves aos sindicatos, na reunión prevista en Lugo, o peche da planta de aluminio de San Cibrao. Así o afirmou a emisora de radio estatal, que expón que a decisión da multinacional suporá “alomenos 500 despedimentos” na fábrica, dos máis de 1.000 traballadores que emprega o complexo industrial de Cervo. Para calibrar o impacto social dunha medida coma a clausura da única factoría deste tipo que queda en España, a esta cifra habería que sumar varios centenares de obreiros indirectos, tanto de empresas auxiliares como doutras firmas. O referido medio de comunicación tampouco aclara cales son os plans da compañía con alúmina.

O Xornal da Mariña tentou poñerse en contacto con fontes de Alcoa para contrastar esta información, sen obter resposta. Polo de agora non hai confirmación nin desmentido por parte da mesma.

O presidente de Alcoa España, Álvaro Dorado, entre outros dirixentes da compañía, e o comité de empresa manterán unha reunión o vindeiro xoves, entre as 12.00 e as 14.00 horas, nun restaurante da capital lucense, Los Robles. A multinacional asegurara que a xuntanza “non se convoca para iniciar formalmente ningún procedemento legal oficial, senón para abrir un período de conversas informais para explicar en detalle a situación actual, as súas causas e para discutir alternativas e medidas sen a presión do prazo legal“.

RECLAMA AO GOBERNO O ABARATAMENTO DA LUZ

A empresa insistiu ao longo do último ano, trala venta de Avilés e A Coruña, en que aluminio é “inviable” sen un marco enerxético que equipare San Cibrao ás fábricas doutros países europeos, unha norma que reclamou ao Goberno central en numerosas ocasións. O pulso entre o Estado e a compañía recrudeceuse logo de que o Executivo estatal baleirase de contido a subasta de interrompibilidade, unha poxa que supuña para a alumineira unha inxección económica cercana aos 70 millóns anuais.

Malia que o prezo da electricidade caeu ao longo dos últimos meses por mor do Covid-19, a multinacional remarcou que o mercado do metal está nun contexto de “sobrecapacidade mundial” que “mingua os prezos e a demanda“, polo que cualificou a situación da planta de “insostible“.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...