IniciosociedadeA Mariña corta a A-8 en Ribadeo para reclamar a continuidade do...

A Mariña corta a A-8 en Ribadeo para reclamar a continuidade do aluminio en San Cibrao

O comité esixe ao Goberno que interveña Alcoa a fin de evitar os 534 despedimentos na factoría cervense anunciados pola multinacional

Publicada o

- Advertisement -

Milleiros de mariñaos, traballadores de Alcoa San Cibrao, familiares dos obreiros e tamén veciños da bisbarra participaron nun acto de protesta na mañá deste domingo en Ribadeo contra o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) anunciado pola multinacional, que afectaría segundo a empresa a 534 postos de traballo na fábrica de aluminio. Os traballadores cortaron a Autovía do Cantábrico (A-8) na Ponte dos Santos, que conecta Galicia e Asturias.

Segundo informou a Dirección Xeral de Tráfico (DXT), o corte iniciouse ás 11.45 horas. Os asistentes á protesta desprazáronse desde a estación de autobuses de Ribadeo cara a autoestrada, para volver finalmente ao punto de partida, logo de máis dunha hora de manifestación, na que houbo tamén queima de pneumáticos.

Familias enteiras participaron na protesta, que puxo de relieve a importancia socioeconómica da produción do aluminio para a comarca da Mariña Lucense. De feito, o recorte produtivo anunciado na planta afectaría, como mínimo, a dez empresas auxiliares que teñen o 100% dos contratos na factoría, o que suporía unha perda de alomenos outros 300 empregos. O acto reivindicativo tamén contou co apoio de representantes de todas as forzas políticas.

Con cánticos como, entre outros, “enerxía solución“, “Alcoa sálvase loitando“, “Madrid, escoita, A Mariña está en loita“, “onde está o estatuto” ou “Teresa Ribera, ao ERE ti primeira”, en alusión á ministra de Transición Ecolóxica, os obreiros reclamaron a intervención da empresa, a fin de que se garanta a posibilidade de manter a produción á espera dun posible comprador, de confirmarse que Alcoa planea executar o despedimento colectivo.

A empresa sostén que a planta de aluminio é “ineficiente” polo “alto prezo da electricidade” e “o baixo prezo do aluminio“, factores aos que se suma “o exceso de capacidade global” no mercado do metal.

A VINDEIRA SEMANA, REUNIÓNS CO GOBERNO E A EMPRESA

Segundo expuxo o presidente do comité de empresa de Alcoa, José Antonio Zan, os sindicatos reclamarán a mencionada intervención aos representantes do ministerio de Industria, cos que se reunirán o vindeiro mércores. O sindicalista afirmou que o estatuto das electrointensivas, comprometido polo Executivo central desde hai ano e medio, ou a convocatoria dunha subasta de interrompibilidade extraordinaria, “xa non son solucións” para favorecer a viabilidade da planta, dado que “o Goberno non fixo o seu traballo”.

Por outra banda, os traballadores reuniranse o vindeiro xoves coa dirección de Alcoa España, a quen lle esixirán que “retire os despedimentos” que puxo enriba da mesa; “non temos outro plantexamento”.

“Foi unha protesta sorpresa; a xente está quente”, advirte Zan. O comité asegura, en contra da multinacional, que a planta “é viable” e pide a Xunta de Galicia e Goberno central “que se involucren”.

O Goberno central, que por agora instou á Alcoa a “repensar” o seu anuncio, “ten un mecanismo que antes non tiña, que conta coa autorización da Unión Europea, e que se chama intervención de empresas en risco de crise”, salienta.

O ALCALDE DE CERVO: “AO GOBERNO NON LLE LEVARÍA MÁIS DUN MINUTO SALVAR ALCOA”

O alcalde de Cervo, o popular Alfonso Villares, argumentou nun comunicado de prensa que “aínda hai marxe” para evitar os despedimentos anunciados por Alcoa, pero “unha vez activada esta bomba” o Goberno do Estado “ten que actuar con carácter urxente, tomando o camiño que considere oportuno, pero garantindo que o aluminio se siga a producir na nosa zona”.

“Levamos máis de ano e medio pedíndolle desde os diferentes estamentos, desde o comité de empresa, desde as Administracións locais e Autonómicas, que aprobe
ese estatuto que garanta un prezo da enerxía que permita que a nosa empresa sexa
competitiva no marco europeo; non lle levaría máis dun minuto tomar a decisión de salvar a nosa comarca; se quere pode”, afirmou.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...