O número de casos activos de coronavirus na provincia de Lugo caeu por debaixo dos 40, segundo o reconto ofrecido este martes polo Sergas. A Consellería de Sanidade documenta 39 positivos, un menos có pasado luns.

O Hospital Público da Mariña segue sen ingresados con Covid-19. Os únicos dous hospitalizados a causa da pandemia están no HULA, un deles en Uci e outro en planta. En domicilio documéntanse 37 casos.

Segundo o reconto histórico do Sergas no tocante á provincia, na área lucense faleceron 27 persoas a causa do coronavirus, cinco delas na Mariña Lucense. Ademais, na Uci de Burela morreu unha sexta vítima tras ingresar por Covid-19 e malia superar a doenza. Déronse 883 altas.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 707, deles 158 son da área da Coruña, 39 da de Lugo, 68 da de Ourense, 28 da de Pontevedra, 259 da área de Vigo, 135 da de Santiago, e 20 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 3 permanecen en Uci, 27 están en unidades de hospitalización e 677 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 9.991 persoas curadas, rexistrándose 616 falecementos. O número de PCR realizadas é de 144.226.

No tocante ás residencias, non se documentan casos na Mariña Lucense.